París 2024 | Piragüismo

Cando dalo todo non é abondo: crónica dunha xornada regular no piragüismo na que escaparon os metais

Xornada de moitas emocións en Vaires-sur-Marne na que Antía Jácome pasou á final do C2 500 con María Corbera e rematou sexta cun meritorio diploma olímpico, o segundo para ela. Non lograron meterse na loita polas medallas os K2 de Carolina García e Sara Ouzande —que envorcaron na final B— nin o de Rodrigo Germade e Carlos Arévalo, así como o C1 de Pablo Crespo.
De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Antía Jácome e María Corbera; Carlos Arévalo e Rodrigo Germade; Carolina García  e Sara Ouzande, e Pablo Crespo, esta sexta feira. (Fotos: AFP7 / Europa Press)
photo_camera De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Antía Jácome e María Corbera; Carlos Arévalo e Rodrigo Germade; Carolina García e Sara Ouzande, e Pablo Crespo, esta sexta feira. (Fotos: AFP7 / Europa Press)

Cada deportista experimenta os Xogos Olímpicos dunha forma completamente distinta. Para unhas un bronce pode parecer unha derrota; para outras, un diploma sabe a ouro. É lóxico sentir a frustración de non cumprir o obxectivo por e para o que viviches durante os últimos catro anos —tres no caso de París, pois a pandemia adiou a cita de Toquio a 2021—.

"A nivel persoal non foron tres anos moi bos", confesaba esta sexta feira unha Sara Ouzande visibelmente afectada na zona mixta após despedirse dos Xogos cun final amargo que non fai xustiza aos méritos que fixo para chegar a París. A asturiana, que compite con licenza galega, desprazouse ao país, lonxe da súa familia, para preparar un K4 500 coa canguesa Teresa Portela, a estremeña Estefanía Fernández e a pontevedresa Carolina García que viña cunhas expectativas moi altas e que non conseguiu finalmente a ansiada medalla —foron sextas e levaron diploma—.

Con García dobrou para participar tamén no K2 500 feminino e esta sexta feira, após ficaren a unhas poucas centésimas de entrar na gran final polas medallas, envorcaron na final B a escasos metros da meta e non puideron completar unha boa regata que comezaron liderando. "Estabamos respondendo ben, o nivel era bo, pero cando vas tan ao límite e forzas tanto...", precisou a pontevedresa.

O ouro nesta modalidade levárono as neozelandesas Alicia Hoskin e Lisa Carrington, que con este suma sete e agranda aínda máis a súa lenda. As húngaras Alida Dora Gazso e Tamara Csipes foron prata e as alemás Jule Marie Hake e Paulina Paszek, bronce.

Diploma para Antía Jácome

Si conseguiron superar a semifinal no C2 500 Antía Jácome, tamén natural de Pontevedra, e a madrileña María Corbera, só superadas polas chinesas Mengya Sun e Shixiao Xu, que fixaron un novo récord olímpico... que dúas horas despois bateron de novo na final polas medallas  (1:52.81) levando o ouro.

Nesa última e decisiva regata empezaron moi fortes, mantendo o ritmo do grupo que se situaba en cabeza —a excepción de China, que marcou distancia desde o principio— a pesar de que as condicións meteorolóxicas eran especialmente prexudiciais para elas, pois había fortes ondas en Vaires-sur-Marne e o vento sopraba con forza desde o costado dereito. "Ao ser as dúas zurdas faise máis complicado dirixir a embarcación", explicaba Jácome.

Finalmente foron sextas, con Ucraína —Anastasiia Rybachok e Liudmyla Luzan— levando a prata e Canadá —Sloan MacKenzie e Katie Vincent— o bronce, pero a pontevedresa quedou satisfeita a pesar de que esta proba figuraba nalgunhas quinielas como opción de metal: "O obxectivo era dar o noso 100%, e fixémolo. Soñabamos cunha medalla, igual que todas, e non foi a mellor regata polas condicións, pero cando cruzamos a meta non tiñamos nada máis que dar; con iso quedamos".

Sen medalla, pero primeiros na final B

O betanceiro Carlos Arévalo e o cangués Rodrigo Germade puxeron hoxe o ramo a unha frenética semana con seis regatas en catro días —e só un de descanso— entre o K4 500, no que esta quinta feira conseguiron o bronce canda Marcus Cooper e Saúl Craviotto, e o K2 500, no que esta sexta feira notaron a fatiga e quedaron encadrados nunha semifinal "que podería ser unha final", dixo Arévalo, na que foron quintos e quedaron sen opción de medalla por menos dun segundo.

"Fisicamente non respondeu de todo ben a máquina", salientou Germade, que se sentiu máis cómodo na final B, onde quedaron primeiros, que na semifinal. Facendo un balance xeral do seu paso por París, dixo: "Creo que tiñamos un nivel máis alto que non acabou de demostrarse por factores externos; o noso deporte é así. Pero viñemos a competir e dar o máximo e creo que o demos, polo que marchamos moi contentos e orgullosos". Tamén Arévalo lembrou que viñan coa máxima ambición, se ben estar nuns Xogos "é xa un soño" e "hai que valoralo", matizou, lanzando unha mensaxe de apoio ás súas compañeiras Ouzande e García.

O ouro no K2 500 masculino foi para o imbatíbel caiac alemán de Jacob Schopf e Max Lemke, que na quinta feira subiran tamén ao máis alto do podio no K4 500. Os húngaros Sandor Totka e Bence Nadas foron prata e os australianos Tom Green e Jean van der Westhuyzen, bronce.

Pablo Crespo e a alegría do debutante

O pontevedrés Pablo Crespo puxo fin esta sexta feira aos Xogos sen medalla nin diploma, pero tampouco contaba con eles. De feito, hai tres meses nin sequera podía imaxinar que esta semana estaría competindo en París contra os mellores padexeiros do mundo no C1 1.000. "Quedo máis que satisfeito, pasar ás semifinais xa foi brutal e verme aquí dando este nivel... incríbel", dicía na zona mixta, máis que satisfeito coa súa estrea olímpica.

Na semifinal viu que non tiña case opcións de pasar á loita polas medallas e acabou último reservando esforzos para unha final B na que foi cuarto. Ten 22 anos e un prometedor futuro por diante, pero prefire centrarse no día a día antes de empezar a pensar xa en Los Angeles 2028.

O ouro nesta proba levouno o checo Martin Fuksa, novo plusmarquista olímpico (3:43.16), con prata para o brasileiro Isaquias Queiroz e bronce para o moldavo Serghei Tarnovschi.

Jácome busca pór a guinda cunha medalla na súa proba fetiche

O soño olímpico non rematou aínda para a pontevedresa Antía Jácome, que este sábado volve subir á canoa para buscar de novo o ansiado metal polo que tanto tempo leva traballando na súa proba fetiche, o C1 200. Nesta modalidade conseguiu en Toquio 2020 o seu primeiro diploma cun meritorio quinto posto e logrou tamén dúas pratas en campionatos mundiais e unha prata e un ouro nos europeos. Jácome sae a por todas, "a chegar de novo baleira á meta e dalo todo", nunhas semifinais que comezarán ás 11.50 horas e unha final, no caso de alcanzala, que disputará ás 13.50h.

Máis en DEPORTES
Comentarios