Declárase un incendio na central nuclear de Zaporiya tras un bombardeo

Un bombardeo ocasionou un incendio na instalación dos sistemas de refrixeración na central nuclear de Zaporiya. As autoridades advertiron de que "non hai perigo de explosión de vapor nin outras consecuencias" e de que o nivel de radiación "é normal".
Captura de imaxe dun vídeo en que se percibe un dos reactores da central nuclear ardendo. (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Captura de imaxe dun vídeo en que se percibe un dos reactores da central nuclear ardendo. (Imaxe: Nós Diario)

Un bombardeo sobre a central nuclear de Zaporiya na tarde do domingo, 11 de agosto, provocou un incendio. O xefe da rexión, controlada por Rusia, Evgeniy Balitsky, informou de que "as seis unidades de enerxía da central atópanse en parada fría, non hai perigo de explosión de vapor nin outras consecuencias. O fondo de radiación arredor da central nuclear e da cidade de Energodar é normal".

Na mesma liña, Balitsky dirixiuse á cidadanía para facer unha chamada á calma, xa que "non hai ningunha ameaza". "Xunto á dirección da central mantemos a situación baixo control. Confíen só en información verificada e oficial. A situación está totalmente controlada e non ten consecuencias para a central e os residentes", engadiu.

Cruzamento de acusacións

Rusia sinala as Forzas Armadas de Ucraína como responsábeis do bombardeo sobre a central, que desde outubro de 2022, tras a incorporación da provincia de Zaporiya a Rusia, é propiedade rusa. Desde entón, Ucraína e Rusia cruzáronse acusacións sobre intentos de ataques á central.

Precisamente, o presidente ucraíno, Volodimir Zelensky, acusou Rusia do ataque. A través da súa conta en X, puxo de manifesto que "os ocupantes rusos provocaron un incendio no territorio da central de Zaporiya. Na actualidade, os niveis de radiación atópanse dentro dos límites normais". "Estamos esperando a reacción do mundo, a reacción da OIEA (Organismo Internacional de Enerxía Atómica)", tamén apuntou.

O xornalista portugués Bruno Carvalho, coñecedor do conflito e que, desde Ucraína, cubriu a guerra para diversos medios, como Nós Diario e CNN Portugal, salientou tras saber do ocorrido que "fui o único jornalista português a visitár" a central. "Nesse momento, pude dar uma volta ao longo da central que está localizada na cidade de Energodar junto ao rio Dniepr. Na outra margem, estão as forças ucranianas. As forças russas acusam a Ucrânia de atacar com frequência esta infraestrutura, pondo em risco toda a Europa, e as forças ucranianas acusam a Rússia de ser a responsável pelos ataques. Contudo, não deixa de ser estranho que a Ucrânia acuse a Rússia de bombardear a única central que tem em seu poder quando podia bombardear todas as outras que estão em poder da Ucrânia".

"Numa análise a seco, as acusações de Kiev não fazem o menor sentido. Agora mesmo, a Ucrânia está a acusar a Rússia de ter usado pneus a arder para mascarar um falso bombardeamento da Ucrânia", advirte nas súas redes sociais.

Nos últimos días, o Goberno ruso informou á OIEA de supostos ataques das forzas ucraínas contra a central nuclear de Kursk (onde Ucraína trata de avanzar desde hai días), "o 8 de agosto descubríronse fragmentos e restos na estación, presumibelmente de mísiles caídos, mesmo na zona do complexo de procesamento de residuos radiactivos", sinalou.

O director xeral da OIEA, Rafael Grossi, solicitou entón aos Executivos de Ucraína e Rusia que regulasen as accións bélicas para evitar un accidente nuclear.

Comentarios