A quen beneficia a política fiscal da Xunta da Galiza?

O presidente Alfonso Rueda e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no Parlamento no debate do teito de gasto. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente Alfonso Rueda e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no Parlamento. (Foto: Arxina)

As políticas fiscais dan conta dos intereses que defende a forza política que as propón. Se un Goberno prima os impostos indirectos nos seus orzamentos enténdese que aposta por unha fiscalidade regresiva, que beneficia aqueles sectores da sociedade coas rendas máis altas, ao fixar os tipos de grávame sen ter en conta o nivel de ingresos do suxeito impositivo. Pola contra, se aposta polos impostos directos, considérase que defende unha fiscalidade progresiva, que favorece as persoas con menos ingresos e contribúe a función primixenia das políticas fiscais de distribuír a renda.

O peso dos impostos directos non deixa de caer nos orzamentos galegos. Sen ir máis lonxe, as contas públicas da Xunta da Galiza para 2024 prevén uns ingresos por estes tributos de 3.431 millóns de euros, que representan unha baixa en relación co exercicio pasado tras descontar a inflación de 2,2 puntos. Ao tempo, o Goberno galego conta recadar por impostos indirectos para a vindeira anualidade 4.136,6 millóns de euros, isto é 2,6 puntos máis que nos presupostos de 2023, tras deducir a suba do Índice de Prezos ao Consumo (IPC), que o Instituto Galego de Estatística (IGE) fixa para final deste ano en 5,5%.

A caída dos impostos indirectos

As cifras dos orzamentos de 2024 están na liña das contas públicas presentadas polo Partido Popular desde 2009. Así, en 2023 a porcentaxe dos impostos indirectos en relación cos directos incrementouse en 5,4 puntos, se ben esta alza estivo moi condicionada pola suba da inflación. Os número de 2022 son, aínda, máis clarificadores, ao caer os impostos indirectos nos presupostos galegos en 7,3%, malia o comportamento do IPC nesa anualidade, e subir os tributos directos na cesta total de ingresos en 3,5%. A tendencia rexistrada nos presupostos galegos non se pode separar dun marco global onde as políticas fiscais favorecen as rendas máis altas.

Os dous grandes piares do sistema fiscal galego son o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) e o Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). O primeiro é unha carga fiscal sobre o consumo, de natureza indirecta e de carácter regresiva, recadando o Estado por concepto de IVE na Galiza en 2022, último ano con datos, arredor de 5.972 millóns de euros, dos que 2.986 millóns foron transferidos ao Goberno galego. O segundo é un imposto que grava a renda obtida nun ano natural polas persoas físicas residentes no Estado, significase por ser persoal, progresivo e directo, ingresando polo mesmo o Estado na Galiza 7.848 millóns, do que a metade é transferido ao Goberno galego.

O IRPF, regulado pola Lei 35/2006, de 28 de novembro, do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, é o tributo sometido a máis rebaixas fiscais polo Goberno galego, aprobándose catro desde o ano 2014. A este respecto, a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) apunta que só as bonificacións propostas para este tributo nos orzamentos da Xunta da Galiza para 2024 van representar unha caída de ingresos para os dous vindeiros exercicios de146 millóns de euros, unha contía só superada por Madrid, País Valencià e Andalucía. Porén, a diferenza destas tres últimas comunidades as mudanzas legais promovidas polo Executivo galego son chegan as rendas altas.

Presión fiscal elevada para as rendas baixas e reducida para as altas

O tipo impositivo do IRPF varía na Galiza en cinco tramos en función dos niveis de renda. Así, para os tramos de renda de menos de 12.985 euros os tipos son de 9%, para os tramos de renda de 12.985 euros a 21.068 os tipos son de 11,5%, para os tramos de renda de 21.068 a 35.200 os tipos son de 14,9%, para os tramos de renda de 35.200 a 60.000 os tipos son de 18,4%, e para os tramos de renda de mais 60.000 os tipos son de 22,5%. Precisamente, O informe sobre o Panorama da fiscalidade autonómica e foral 2023, elaborado polo servizo de estudos do Consello Xeral de Economistas e con cifras referidas a 2022, conclúe que a presión fiscal na Galiza é reducida para as rendas altas e elevada para as baixas e medias

O relatorio elaborado polo Consello Xeral de Economistas apunta, que tomando como contribuínte tipo para todo o Estado unha persoa solteira e sen fillos, con idade inferior a 65 anos e sen discapacidade nin ningunha outra circunstancia persoal que poida darlle dereito a dedución, un cidadán galego cunha renda de 20.000 euros debe achegar ao Fisco en concepto de IRPF 2.470 euros, unha contía superior á media estatal e por riba do achegado polos residentes en Euskadi, Madrid, Canarias e A Rioxa.

A contribución media por IRPF dunha cidadá ou cidadán do Estado cunha renda de 45.000 euros é de 9.500 euros. Porén, na Galiza sitúase en 9.680 euros. Neste suposto a presión fiscal dun cidadán galego é superior á dun vasco, dun madrileño, dun castelán-leonés, dun rioxano, dun murciano, dun canario, dun castelán-manchego, dun cántabro, dun andaluz e dun valenciano. Así, só pagan máis que a poboación residente na Galiza aquelas persoas empadroadas en Catalunya, Illes Balears, Aragón, Estremadura e Nafarroa.

A situación é diferente cando se analizan os tributos a pagar por IRPF polas persoas cuns ingresos de 600.000 euros. Neste caso, a achega media ás facendas dun residente no Estado español é de 270.000 euros, mais na Galiza redúcese a 258.000 euros.

Comentarios