Interceptan 15 toneladas de sardiña con documentación irregular en Ribeira

Determinouse que esta mercadoría procedía do porto de Cambados (O Salnés).
Sardiñas á venda na praza de Lugo da Coruña nunha foto de arquivo. (Foto: M. Dylan Europa Press)
photo_camera Sardiñas á venda na praza de Lugo da Coruña nunha foto de arquivo. (Foto: M. Dylan Europa Press)

O Servizo Marítimo (Semar) da Garda Civil da Coruña comisou estes días un total de 14.867 quilogramos de sardiña no porto de Ribeira (O Barbanza), tras detectar documentación irregular.

Os feitos sucederon cando os axentes se atopaban realizando un control rutineiro no porto de Ribeira, onde inspeccionaron un camión que entraba ás instalacións portuarias cargando 31 palés de sardiña.

Durante a revisión atopáronse discrepancias significativas entre a documentación de transporte presentada e a mercadoría real transportada. Ante estas irregularidades, procedeuse a pesar e verificar a carga na lonxa, en colaboración co responsábel da empresa transportista.

A mercadoría procedía de Cambados

Como resultado desta verificación, constatouse que 14.867 quilos de sardiña carecían da trazabilidade requirida pola normativa, e determinouse que esta mercadoría procedía do porto de Cambados (O Salnés), e fora descargada por dous pesqueiros.

Por estes feitos, a Garda Civil procedeu ao comiso inmediato da mercadoría. Este produto será entregado ao Banco de Alimentos Rías Altas da Coruña, co obxectivo de asegurar o seu destino benéfico.

Ademais, levantáronse actas de denuncia contra o transportista, a empresa responsábel do transporte e os dous pesqueiros implicados, por presuntas infraccións á Lei de Pesca da Galiza.

Comentarios