A produción de viño eleva un 52% os postos de traballo nos municipios de menor tamaño

O sector vitivinícola pide máis apoio das Administracións para a incorporación da mocidade.
Tres homes traballando nunha adega da comarca de Verín. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Tres homes traballando nunha adega da comarca de Verín. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A Galiza conta con 33.200 hectáreas de viñedos, o que representa un 3,5% da superficie estatal. Ademais, a produción de viño involucra a nivel galego máis de 219.000 viticultoras e viticultores, sendo a autonomía do Estado español con máis persoas dedicadas ao sector.

Unha realidade que pon de especial relevancia os datos que arroxa a ferramenta sobre a dimensión territorial do sector vitivinícola, elaborada pola Interprofesional do Viño de España en colaboración con Analistas Financeiros Internacionais. 

Esta inclúe unha síntese da importancia sociodemográfica da actividade para os municipios, especialmente relevante para aqueles de menor tamaño, nos que o viño se confirma como un motor da economía e do emprego.

Máis en concreto, nos concellos con menos de 2.000 habitantes nos que ten presenza o sector vitivinícola, os postos de traballo son un 52% máis numerosos que nas localidades do mesmo tamaño sen viñedos, mentres que a actividade tamén é causante dunha maior fixación de poboación, cunha porcentaxe comparativa similar (+52,8%), segundo os datos da ferramenta.

Relevancia "indiscutíbel"

Para Roberto Rivas, presidente da Asociación Galega de Viticultores, a creación de emprego e a fixación de poboación xerada polo sector vitivinícola teñen unha especial relevancia na Galiza debido á estrutura demográfica do país.

"É algo indiscutíbel, non hai máis que ver municipios do interior da Galiza con viño e sen viño e como está evolucionando a súa poboación", sinala o adegueiro ao respecto en declaracións a Nós Diario

"Incluso en determinadas épocas como na vendima, o sector atrae man de obra de zonas lindeiras", lembra Rivas. "Estamos mesmo tendo problemas para captar man de obra en momentos puntuais", engade. "A produción de viño, ademais, provoca que haxa actividade económica e xeración de empresas noutros sectores, e incluso a recuperación de servizos no rural", di.

Rivas lembra un exemplo concreto para entender esta influencia do sector vitivinícola, o do municipio de Negueira de Muñiz (A Fonsagrada), que recuperou hai pouco tempo o seu colexio despois de anos sen el. "Isto foi porque volve haber crianzas, e é polo viño, que é a actividade económica local xunto ao turismo".

Sabendo a importancia da actividade vitivinícola para o emprego e a fixación de poboación no rural, conclúe o presidente da Asociación Galega de Viticultores, "non entendo por que as Administracións non fan máis fincapé para que a mocidade teña maior facilidade para incorporarse ao sector".

Comentarios