A folga no sector da Tenreira Suprema Galega xera unha paralización nas entregas de carne

O paro nas entregas de carne está convocado até o 7 de setembro.
Un traballador realiza o corte dunha peza de carne nun estabelecemento comercial. (Foto: Javiindy)
photo_camera Un traballador realiza o corte dunha peza de carne nun estabelecemento comercial. (Foto: Javiindy)

O pasado 30 de xullo comezou unha folga de entregas no sector da Tenreira Suprema Galega, a cal se prolongará, de non ser cancelada, até o próximo 7 de setembro, coincidindo coa tempada estival na que existe unha maior demanda deste produto.

A Asociación de Gandeiros Galegos de Suprema é a organización que convoca o paro, co que se solicita un novo acordo de prezos. Para asegurarse de que se cumpre coa medida de presión, a organización pedirá ás socias e aos socios un histórico de movementos desas datas coa intención de acreditar que non realizaron saídas de carne.

Fontes coñecedoras da incidencia que está a ter esta folga corroboran a Nós Diario que o cesamento de entregas está a provocar unha importante paralización no mercado de Suprema, especialmente nas comarcas da Fonsagrada, dos Ancares e de Sarria, precisamente aquelas zonas onde hai máis cantidade de explotacións desta tipoloxía.

Neste contexto da folga, segundo indican estas fontes, tamén son numerosos os e as comerciais que se dedican a recoller a carne nas explotacións para levalas ás tendas que están renunciando a coller o produto.

Unha cuestión que agrava o desabastecemento de Suprema nas tendas, posto que implica que tamén granxas que non queren secundar o paro (moitas destas buscan aproveitar a demanda crecente da época estival) fiquen sen facer entregas da súa carne.

A decisión de realizar o paro tomouse "por maioría das gandeiras e dos gandeiros asistentes" nunha reunión da asociación convocante e en protesta polo baixo prezo que teñen en orixe nun contexto de aumento de custos para as explotacións. 

Segundo asegura o seu presidente, Santiago Rego, venden o quilo en canal a entre 5,70 euros e 5,80 euros cando "hai escaseza de animais", unha situación que, entende, non vai acorde co mercado.

Ademais, relata que na época de inverno, cando non hai moita demanda, o resto de elos da cadea de distribución "baixan o prezo [que se paga ás granxas en orixe] entre 0,40 e 0,50 euros por quilo en poucas semanas", mentres que logo, cando chega a necesidade de consumo, "non o aumentan como deberían".

A diferenza de prezo entre as tendas e a orixe medra aínda máis no último ano

Unha das principais protestas que desembocaron na folga convocada pola Asociación de Gandeiros Galegos de Suprema é a gran diferenza entre o prezo que perciben polo seu produto en orixe e o custo que ten que asumir a persoa usuaria final nas tendas despois de pasar a carne polos diferentes elos da cadea.

Segundo denuncia a organización, a contía por quilo que reciben está entre 5,70 e 5,80 euros, "entre 40 e 50 céntimos menos que o prezo que tiñamos o ano pasado", mentres que nas cadeas de supermercados, o prezo oscila entre os 15 e os 30 euros.

Todo isto mentres "encareceron os insumos e o combustíbel supera o euro", explica Santiago Rego, presidente do colectivo convocante do paro. Ademais, engade, "aínda que baixaron os cereais, as fábricas de penso non o trasladaron ao importe que pagamos".

Comentarios