MÁIS

O Albariño de Cambados

Unha cita vinícola moi intrínseca á vila. O Salnés é unha das cinco zonas que conforman a Denominación de Orixe Rías Baixas, que emprega uva branca variedade Albariño para os seus viños. 
Miles de asistentes visitan cada ano Cambados para gozar coa Festa do Albariño. (Foto: Festa do Albariño)
photo_camera Miles de asistentes visitan cada ano Cambados para gozar coa Festa do Albariño. (Foto: Festa do Albariño)

Nos anos 50, un grupo de amigos natais de Cambados (O Salnés) idearon un concurso para nomear a adega co mellor viño Albariño. Foi así como naceu a Festa do Albariño, declarada de Interese Turístico Internacional en 2018 e con máis de 42.000 copas preparadas para degustarse nesta LXXII edición, que comezou onte e que se alongará até o vindeiro 4 de agosto.

A Festa do Viño Albariño acolle 44 bodegas que presentan diferentes tipoloxías e categorías de viño. No Parador de Cambados terá lugar hoxe ás 10 horas a Cata Prima, na que catadoras expertas a nivel nacional e internacional escollerán os 12 mellores viños desta edición. 

Este ano, a Festa do Albariño acolle o XIII Túnel Profesional do Viño. Decorrerá ao longo de cinco sesións repartidas entre hoxe e o 3 de agosto. As sesións programadas para hoxe e mañá terán unha duración de 90 minutos cada unha. As quendas serán de 11 horas a 14.30 e de 17 horas a 22.30. Porén, a rolda do sábado será de 11 a 13 horas. Están organizadas polo Consello Regulador da DO Rías Baixas e celebraranse no Salón de Congresos José Peña. Xa sexan profesionais ou afeccionadas, as persoas asistentes poderán degustar máis de 150 marcas de diferentes adegas.

Na cita tampouco faltarán ruadas, actividades para a cativada e actuacións musicais. A vila do Albariño bailou onte ao ritmo de Catuxa Salom e The Rapants. Hoxe a música camiña pola beira máis urbana da man de Hard Galiza na compaña de Recycled J e Bryant Myers. Shego e Carlos Ares, entre outros, tamén pasarán por esta cita que fechará a Banda de Música de Castrelos o domingo.

Comentarios