Cerámica, arxila e tradición en Buño

Con varias zonas e numerosas familias dedicadas á cerámica desde hai séculos, a Mostra da Olaría de Buño regresa desde hoxe e até o domingo para celebrar a identidade artística e histórica desta parroquia de Malpica. Outro motivo máis que xustificado para visitar a comarca de Bergantiños
buño
photo_camera Os obradoiros de cerámica coas súas pezas listas para expoñer na mostra. (Foto: Olería de Buño)

A cerámica de Buño en Malpica (Bergantiños) ten orixes ancestrais que se remontan varios séculos atrás e que converxen dos días 1 e 4 de agosto na Mostra de Olería de Buño. Este ano decorre a súa 39º edición cun amplo catálogo de actividades ofrecidas e organizadas pola Asociación Oleira do municipio no parque Luciano García Alén. Este lugar é o epicentro en que se instalaron os oito postos de cerámica que comezarán a súa actividade ás 12 horas de hoxe e que fecharán ás 20 horas do domingo 4, día en que conclúe a mostra. 

Así, ao longo destes días, o municipio leva a cabo un festival cultural que inclúe exposicións, demostracións oleiras en vivo, talleres para persoas adultas e tamén para crianzas sen esquecer a música. Todo isto de 11 ás 14 horas e das 17 horas até o fechamento, ás 21 horas. Entre as propostas musicais para esta edición atópanse a asociación de baile e música Malanze (que actúa hoxe), a pinchada de Maruxiña DJ e a banda rock Cloaca (que actúa mañá) ou do grupo folk Arrincadeira (que actúa sábado). Por outra parte, aproveitando o "Día do Neno", a segunda xornada ábrese cun obradoiro de barro destinado á infancia e que terá lugar ás 11.30 a cargo de integrantes dos obradoiros Feituras e Cambón. 

Tamén terán lugar varias demostracións por parte dos oleiros Fran Gorín, O Rulo e Pablo Rodríguez, de Risco Estudio, que participa por primeira na mostra, de gran relevancia turística e cultural como Festa de Interese Turístico de Galiza, convertendo este evento nunha plataforma para os produtos e pezas das artesás e para a artesanía local. A mostra, que atrae miles de visitantes cada ano, supón a oportunidade perfecta para entrar en contacto coa olaría tanto desde a observación das artesás e artesáns como da aprendizaxe didáctica dos procesos de produción cerámica.

Séculos de historia 

A cerámica de Buño é unha das tradicións artesanais máis antigas e apreciadas de Galiza, cunha historia lonxeva. Se ben do comezo da produción oleira non se dispón de rexistros exactos, estímase que a actividade oleira comezou neste territorio de Bergantiños na época medieval. A evidencia documental máis antiga data de finais do século XVII, momento no cal Buño xa era coñecido polas súas cerámicas de alta calidade. Desde aquela, a tradición perdurou, transmitíndose de xeración en xeración, o que permitiu que se manteñan vivas as técnicas e mais os estilos tradicionais.

A olería foi historicamente unha actividade económica importante nesta parroquia de Malpica. Ao longo dos anos, a cerámica producida en Buño foi comercializada tanto a nivel local como nacional e internacional mentres que, no pasado, as pezas de Buño eran principalmente utilitarias, isto é, destinadas ao uso diario na cociña e o fogar. 

Co tempo, a demanda de cerámica decorativa e artística aumentou, o que levou as persoas artesás a diversificaren a súa produción. Hoxe en día, a cerámica malpicá é valorada non só pola súa funcionalidade senón tamén como obxecto de arte. As pezas véndense en tendas especializadas, feiras de artesanía e a través de plataformas en liña, o que ampliou o alcance do mercado e contribuíu a aumentar o recoñecemento e a reputación de caste internacional, con exportacións a varios países. Todo isto beneficiou a economía local, xerando emprego e promovendo o desenvolvemento doutras actividades relacionadas, como o turismo e a hostalaría.

Claves oleiras

Ante todo o comentado, cabe preguntarse que é o que ten de especial a cerámica de Buño. A este respecto caracterízase polas súas técnicas tradicionais mantidas case inalteradas ao longo dos séculos. Os oleiros de Buño utilizan unha arxila local de alta calidade, coñecida pola súa resistencia e maleabilidade e  á que se lle aplica un proceso de extracción e o tratamento moi coidado para logo ser moldeada cada peza nunha roda de oleiro. Outra das claves é a capacidade creativa e técnica para compoñer formas precisas e simétricas a través de técnicas como o gravado ou a pintura a man, que engaden detalles únicos a cada produto oleiro. 

Para continuar, é senlleiro o traballo aplicado aos seus acabados coa técnica do vidrado, que dá ás creacións un característico acabado brillante e resistente que tradicionalmente partía dun esmaltado a base de chumbo, aínda que nas últimas décadas adoptouse o uso de materiais máis seguros e ecolóxicos. Finalmente, o proceso oleiro remata coas pezas cocidas en fornos a altas temperaturas. 

O coñecemento e as habilidades necesarias para a produción desta cerámica transmítense de xeración en xeración, o que permitiu a preservación de técnicas e estilos antigos. Malia isto, as artesás e artesáns de Buño non só se aferran ás tradicións, pois tamén souberon adaptarse aos tempos, incorporando novas tecnoloxías e deseños contemporáneos para satisfacer os gustos da clientela. Desta forma as pezas negras feitas a forno de leña e de cores terra acompáñanse doutras de destacadas cores, formas ou tipoloxías como a introdución de xogos de viño ou café. Así, a artesanía local continúa innovando, explorando novas formas e estilos, e utilizando novas tecnoloxías para mellorar a calidade e a sostibilidade dos seus produtos. 

Máis en CULTURA
Comentarios