MÁIS

A Veronza, entre os bagos

Gozar das augas do Avia ao seu paso pola comarca do Ribeiro.
O río Avia ao seu paso por Ribadavia antes de desembocar no Miño. (Foto: Turismo Ribadavia)
photo_camera O río Avia ao seu paso por Ribadavia antes de desembocar no Miño. (Foto: Turismo Ribadavia)

Perto da zona urbana de Ribadavia (O Ribeiro) atópase esta praia fluvial para escapar da abafante calor. A Veronza está formada por quilómetro e medio de vexetación aos pés do río Avia, xerme do nome da vila. A área consta dun gran xardín á sombra de castiñeiros. Conta con outros elementos de lecer, como unha zona de merendeiros e grellas, áreas de xogos totalmente equipadas para a cativdaa e incluso un parque canino de recente creación. 

Ademais da praia fluvial, A Veronza confórmana diferentes equipamentos deportivos. Perto da augas, atopamos a piscina municipal que abre durante as tempadas de verán. Un pouco máis adiante sitúanse as pistas de tenis, tamén públicas, e o campo de fútbol da vila. Denomínase O Xestal e é empregado polos diferentes equipos municipais, como o Ribadavia Atlético, en todas as súas categorías. O campo tamén está dispoñíbel para alugar. 

Nesta praia fluvial atópase a desembocadura do regato de Maquiáns, antigo responsábel do abastecemento de auga da vila, que provoca fermosas fervenzas ao xuntar as súas augas coas do Avia. Na contorna sitúase tamén un vestixio romano de recente reconstrución e restauración. A ponte romana da Veronza arrastra unha deterioración constante ao longo dos anos, por mor dos temporais e crecidas das augas que estragan as rochas e incluso provocan a perda das mesmas. Ao poder das forzas naturais súmase o abandono por parte das institucións públicas, que até hai un par de anos non tomou conciencia da importancia deste patrimonio histórico da vila.

A Veronza está completamente conectada coa vila e é un elemento significativo nunha das súas festividades de Interese Turístico Nacional. A festa da Istoria enche a vila de aires medievais durante a última fin de semana de agosto. É na propia área da Veronza onde teñen lugar as diferentes representacións, como a mostra de cetraría ou o Gran Torneo Medieval entre cabaleiros.

Comentarios