O fútbol sala xúntase en Ferrol para despedir os lendarios Adri e Pola

Partido amigábel entre os combinados estatal e o húngaro na Malata. 
Pola, cando xogaba no Movistar. (Foto: Europa Press).
photo_camera Pola, cando xogaba no Movistar. (Foto: Europa Press).

Adrián Alonso Pereira, 'Pola', e  Adrián Martínez Vara, 'Adri', teñen en común non só ser dous dos nomes propios máis importantes no fútbol sala galego dos  últimos 15 anos, senón tamén o feito de colgar as botas este verán logo de case dúas décadas de traxectoria na elite.

Para conmemorar a súa carreira e homenaxealos, Ferrol, terra natal de Adri, acollerá un partido -que exercerá tamén como quinta edición do Trofeo Cidade de Ferrol- o próximo 22 de agosto, quinta feira, entre os combinados estatal e húngaro que se desenvolverá a partir das 20.30 horas no pavillón da Malata.

Xurdido da colaboración entre O Parrulo Ferrol, o Concello local, a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) e a súa homóloga estatal, as persoas que desexen asistir poderán adquirir os seus boletos de forma anticipada xa desde o día de hoxe a un prezo único de cinco euros de forma presencial na sede do Parrulo -situada no propio Pavillón da Malata- ou nas oficinas que a RFGF ocupa na rúa Venezuela da cidade departamental.

Pablo Prieto, vicepresidente da Federación Galega, explicou que ambas as seleccións chegarán, aproximadamente, o día 19, realizando na Malata catro sesións de adestramento cada unha, así como unha actividade con nenos e nenas, que terán a oportunidade de seguir as evolucións duns conxuntos que están preparando a Copa do Mundo de Uzbekistán (entre o 14 de setembro e o 6 de outubro).

O Parrulo xa ten datas para a súa pretempada

Por outra parte, o último equipo de Adri, O Parrulo, deu onte inicio á pretempada dunha campaña 2024/25 na que a meta non é outra que o regreso á elite. Para iniciar a Liga do mellor modo posíbel xogarán  seis partidos amigábeis, sendo o primeiro co La Bañeza mañá na pista dos leoneses ás 17.30 horas.

Comentarios