Galiza exportou nos primeiros catro meses do ano máis da metade da súa produción eléctrica

Rede Eléctrica Española deu a coñecer esta terza feira os datos de xeración e consumo eléctrico no primeiro cuadrimestre de 2024. As cifras fornecidas pola empresa pública avanzan que Galiza exportou o 50,5% da súa produción eléctrica total, sendo o 89,1% desta de orixe renovábel, maioritariamente hidráulica. A electricidade de orixe renovábel xerada na Galiza entre xaneiro e abril de 2024 superou nun 46,2% o total do consumo galego.

Táboa da xeración, consumo e exportación de electricidade na Galiza.
photo_camera A Galiza xerou 8.977.429 MWh de orixe renovábel no primeiro cuadrimestre de 2024. (Foto e Táboa: Nós Diario).

A xeración eléctrica chegou entre xaneiro e abril deste ano a 10.068.630 megawatts hora (MWh), o que representa un aumento da produción dun 8,4% en relación co mesmo período de 2023. A electricidade de orixe non renovábel sumou 1.091.201 MWh, rexistrando unha caída en relación ao mesmo período do exercicio anterior dun 42,5%.

A baixada da produción eléctrica mediante estas tecnoloxías no primeiro cuadrimestre da anualidade debeuse á decisión do Goberno do Estado de reducir os consumos de gas pola alta xeración das centrais hidráulicas, o que provocou un descenso da produción dos ciclos combinados en funcionamento na Galiza que dependen dese hidrocarburo.

A Galiza xerou 8.977.429 MWh de orixe renovábel no primeiro cuadrimestre de 2024. As enerxías limpas representaron un 89,1% do total da produción eléctrica galega, destacando 5.361.071 MWh de tecnoloxía hidráulica, 3.451.474 MWh de procedencia eólica e 105.086 MWh doutras fontes renovábeis. Resultou significativo o incremento da electricidade de orixe renovábel a respecto do primeiro cuadrimestre de 2023.

A xeración renovábel alcanzou nos catro primeiros meses de 2023 un total de 7.282.435 MWh, isto representa un 18,9% menos que no mesmo período de 2024. As subas máis elevadas tiveron lugar na electricidade de tecnoloxía hidráulica mais tamén é relevante no caso da eólica. Nesta liña, as enerxías limpas aumentaron a súa participación no pool eléctrico galego en 7,3 puntos neste ano.

Fernando Branco, membro do colectivo de debate enerxético Bidán, sinala a Nós Diario que "en cómputo global, a xeración hidráulica incrementouse nun 50% en relación cos catro primeiros meses do pasado exercicio e a xeración renovábel está por encima dos obxectivos marcados para dentro de seis anos polo Plan nacional integrado de enerxía e clima (Pniec), superando de longo as obrigas marcadas polas autoridades estatais e comunitarias”.

A producción de renovábeis

Branco destaca que "a produción eléctrica por renovábeis case duplica o consumo interno galego". Ao tempo, expón que "o consumo incrementouse nun 6% na Galiza, como consecuencia do arranque parcial da actividade na factoría de Alcoa de San Cibrao (Cervo)”. Porén, matiza que “de 2013 a 2023, o consumo baixou na Galiza nun 30% e no Estado só un 5%”.

Galiza continúa moi lonxe dos seus consumos históricos, o que quere dicir que a transición enerxética atópase nunha fase moi inicial e é moi débil no país”, explica Branco, quen lembra que “o proceso de transición enerxética e a descarbonización obriga a maiores consumos eléctricos e iso non se está dando”.

O consumo de electricidade na Galiza nos primeiros catro meses deste ano colocouse en 4.830.997 MWh, o que representa un 53,8% do total da produción renovábel galega. Neste sentido, aséntase a tendencia da suficiencia eléctrica do país en base ás enerxías limpas malia a falta avances en materia de descarbonización e de transición enerxética.

A produción de orixe renovábel vén superando as necesidades de consumo eléctrico da Galiza desde 2020. No primeiro cuadrimestre de 2023, superou en 54,1% as necesidades de consumo das persoas físicas e xurídicas residentes na Galiza.Así, continuouse coa liña comezada en 2020, 2021 2022, cando a electricidade de fontes renovábeis superou o consumo interno en 26%, 15,6% e 7,8% respectivamente.

O modelo enerxético

Os datos de xeración renovábel cobren os obxectivos de produción fixados polas autoridades estatais e comunitarias. Aínda así, neste momento atópanse en tramitación 27.710 MW de enerxía renovábel. Un total de 6.505 MW están ligados a diversos proxectos hidráulicos, na súa práctica totalidade no ámbito do bombeo, 13.705 MW están destinados á eólica terrestre e 7.500 MW á eólica mariña nas augas galegas, cunha capacidade que duplica a prevista polo Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco) para todo o Estado español.

Branco entende que “unha vez cubertos os obxectivos de xeración renovábel marcados polo Estado para Galiza, cómpre seguir desenvolvendo proxectos neste ámbito pero analizando o seu retorno social para o país, porque as instalacións eólicas levantadas nas últimas décadas non xeraron ningún beneficio social”. Neste punto, considera que “Galiza fixo os deberes e ten tempo para pensar o seu modelo enerxético, que non pode responder ao deseño das grandes empresas no ámbito das renovábeis”.

Os donos da enerxía galega

Os grandes operadores do mercado eólico e hidráulico son compañías con sede social fóra da Galiza, que non pagan no país os seus impostos. Así, no ámbito eólico as primeiras empresas produtoras son Iberdrola, con sede en Bilbo, Enel, con sede en Madrid e Acciona, tamén domiciliada en Madrid e en proceso de venda. Pola súa parte, no ámbito hidráulico, o 81,6% da potencia instalada na Galiza está en mans de Iberdrola, Naturgy e Enel. Neste sentido, as empresas eléctricas obtiveron en 2023 do vento e dos ríos galegos 1.523 millóns de euros.

Galiza exportou no primeiro cuadrimestre deste ano 5.085.515 MWh de electricidade, 50,5% do total xerado na Galiza. O principal destino é Madrid, que no mesmo período consumiu 9.325.553 MWh, dos cales só xerou 325.167 MWh, sendo só 206.965 MWh de orixe renovábel. Madrid é a única comunidade do Estado español que non conta con ningunha instalación eólica e que non xera electricidade procedente do vento. Esta situación é resultado da especialización produtiva interna no espazo estatal.

O prezo da electricidade para particulares e empresas é igual en Madrid que na Galiza. A este respecto, Branco pon de manifesto que “non é normal que os custos fixos do sistema eléctrico sexan iguais aquí que en Madrid, cando unha parte importante deles proceden das peaxes, que se corresponden cos custos de transporte e distribución da electricidade e colocar a electricidade perto de onde se produce resulta bastante máis barato”. Neste punto, considera necesaria “unha tarifa especial para os territorios produtores, como xa defende, por exemplo, o Goberno de Aragón”.

Comentarios