A poeta María Mariño recibirá o título de 'Nosa Señora das Letras'

O Día das Galegas na Letras, que a plataforma de crítica feminista A Sega celebra cada 15 de agosto, terá este ano como protagonista á autora de Palabra no tempo.
A autora María Mariño. (Foto: RAG)
photo_camera A autora María Mariño. (Foto: RAG)

A undécima edición do Día das Galegas na Letras, que a plataforma de crítica feminista A Sega celebra cada 15 de agosto, terá este ano como protagonista a poeta María Mariño, que recibirá o título de Nosa Señora das Letras. A conmemoración "busca celebrar a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular".

O equipo da Sega xustifica a escolla "porque navegamos contigo as marxes. Cruzamos uces e toxos, cruzamos o mar desde o fondo, pincheiras e cumes cruzamos. Porque nos lemos por dentro, porque por dentro te lemos, porque contigo queremos estar no torreiro da festa, bailarmos coas palabras quebradas sempre novas para un tempo que vén de lonxe e mocea cada día". 

Lembrando que Mariño foi homenaxeada no Día das Letras Galegas no ano 2007, o colectivo engade: "porque non queremos a túa imaxe calada no altar de quen xa foi, e só flor dun día, esquecida nun andel, nun libro grande fechada. Porque non queremos o teu nome a pé de páxina, mellor as súas letras ciscadas polo chan a caer no fundo máis fundo do mundo dos buracos para de alí retornar co seu cantar e darlle luz a tea do teu tear".

Desta maneira, A Sega reivindica a autora apuntando que "querémoste viva, para dinamitarmos contigo a historia que a ti te esquece".

María Mariño Carou, unha das poetas máis relevantes do século XX na Galiza, naceu en Noia o 8 de xuño de 1907. Ao longo da súa vida, a súa figura foi pouco coñecida e mantívose afastada dos círculos literarios do país, até o punto de que se chegou a pór en cuestión a autoría das súas obras.

Grande amiga do poeta Uxío Novoneyra, entre 1958 e 1963 escribiu o seu libro Palabra no Tempo e, tres anos despois, enfermou de leucemia e comezou a escribir Verba que comenza. O 19 de maio de 1967 faleceu por mor da enfermidade que padecía. Os seus restos mortais repousan no cemiterio de Seoane do Courel (Folgoso do Courel).

Comentarios