A 'Historia do Mosteiro de Caaveiro', contada a través da banda deseñada

A Deputación da Coruña presentou o álbum en Viñetas desde o Atlántico 
00000001
photo_camera Presentación, esta cuarta feira 14 de agosto, da 'Historia do Mosteiro de Caaveiro' en banda deseñada. (Foto: Nós Diario)

A Deputación da Coruña presentou esta cuarta feira, 14 de agosto, na terceira xornada de Viñetas desde o Atlántico, o cómic Historia do Mosteiro de Caaveiro. Un lugar milenario no corazón das fragas do Eume. O deputado de patrimonio e contratación, Xosé Penas; a deputada de cultura, Natividade González; o xefe de arquitectura da Deputación, Daniel Beiras; o guionista Ismael Blanco; o ilustrador, maquetador e coautor do guión, Delio Rodríguez, e o documentador e coautor do guión, Lois Gómez, foron os encargados de presentar esta iniciativa que impulsou a área de patrimonio da entidade provincial.

Penas adiantou que o cómic "é o punto de partida do proxecto de musealización de Caaveiro (A Capela), gran museo do Reino de Galiza, que vai falar de historia en maiúsculas, pero que tamén será innovadora, moderna e integral".

O guionista Ismael Blanco sinalou que se trata dun "libro ilustrado, unha maneira de utilizar o corredor científico e pasalo á historieta". Salientou a importancia do "traballo en equipo" para, "divulgar a historia, mitoloxía, lendas e tradicións dun mosteiro que se localiza nun espazo tan auténtico como as Fragas do Eume e sensibilizar da sorte que temos de contar con este recurso".

Lois Gómez explicou o proceso para "recrear os espazos de Caaveiro, personaxes, contexto…", así como os detalles de documentación histórica "cunha mirada moi intensa ao mundo románico de Caaveiro". Por último, Delio Rodríguez afirmou que, no cómic, "as estacións son unha metáfora e, ao mesmo tempo, un vehículo. Ao tempo que cambia o mosteiro, cambia a cor e o ambiente, xa que considerei fundamental crear ambientes e esencias".

Comentarios