Gadisa afiánzase como a empresa galega do sector con máis emprego: 8.558 profesionais

Afirma que desde 2019 xerou mil empregos directos.
Gadis
photo_camera Almacén de Gadis. (Foto: Gadisa)

Gadisa Retail afirma que xerou perto de 1.000 empregos directos desde o ano 2019, dos que 342 creáronse durante o último ano. A captación de novo talento e o mantemento de emprego estábel e de calidade forman parte do compromiso da compañía 100% galega coas persoas, a economía e a súa contorna, afirma a compañía nun comunicado.

“Cun equipo humano composto por 8.558 profesionais a peche de ano, afiánzase como a empresa galega do seu sector que máis emprego sostén. Avanzar cara ao futuro con solidez e prosperidade é o seu propósito para aumentar o impacto positivo a través da sustentabilidade económica, social e ambiental”.

“A xestión das persoas e dos equipos está apoiada polo seu modelo de negocio, que xera valor engadido pola atención personalizada no mostrador tradicional das seccións de produto fresco dos Supermercados Gadis. Este factor diferencial potencia o emprego cualificado para os profesionais que traballan nas seccións de peixaría, carnicería, froitería e chacinaría. Perfís moi especializados que ofrecen, á súa vez, un trato de calidade e marcado pola proximidade aos seus clientes”.

No comunicado indica que “os piares sobre os que GADISA Retail desenvolve a súa política de recursos humanos son a atracción de novo talento, a retención dos traballadores senior pola súa capacitación; e a formación e promoción interna para o crecemento persoal e profesional de todas as persoas que forman parte da organización”.

A compañía afirma  levou a cabo unha busca activa de novo talento participando en diferentes feiras de emprego e xornadas de captación laboral durante 2023 e no que vai de ano.

Comentarios