Fútbol

A PREVIA | O Celta quere gañar ao Alavés e pór fin a nove anos sen vencer no seu debut ligueiro

A escuadra celeste colide co 'Glorioso' conxunto vasco en Balaídos ás 19 horas desta sexta feira.
O grego Anastasios Douvikas, nun gran estado de forma, apunta a titular, o que suporía a suplencia do retornado Borja Iglesias. (Foto: RC Celta).
photo_camera O grego Anastasios Douvikas, nun gran estado de forma, apunta a titular, o que suporía a suplencia do retornado Borja Iglesias. (Foto: RC Celta).

Rubén Blanco, Hugo Mallo, Cabral, Fontás, Jonny Otto, Augusto, Wass, Pablo Hernández, Orellana, Nolito, Néstor, Guidetti, Planas e Iago Aspas. O astro de Moaña é o único sobrevivinte daquel Celta que venceu o Levante (1-2) no último partido inaugural dun campionato ligueiro no que o conxunto celeste foi quen de facerse coa vitoria, alá polo xa afastado 23 de agosto de 2015.

Case nove anos despois, Aspas e o resto dos seus novos compañeiros buscan rachar coa negativa xeira de resultados ás 19 horas desta sexta feira (Balaídos) contra o Deportivo Alavés, nun duelo vasco-galego con case 100 anos de historia -o primeiro enfrontamento entre ambos foi na Segunda División de 1928, con triunfo babazorro pola mínima (0 a 1)- que, tradicionalmente, adoita decantarse do lado olívico, que logrou imporse en 28 dos 68 encontros que disputaron, por 23 ocasións nas que o Alavés levou o gato á auga e 16 empates, cifras favorábeis que medran expoñencialmente nos choques desenvoltos no Municipal de Balaídos, con 21 vitorias locais en 34 xogos.

Pero, como adoita dicirse no fútbol, as estatísticas están para rachalas, polo que mal farían Claudio Giráldez e os seus pupilos en baixar a garda ante unha escuadra que rematou por diante deles na pasada tempada e que fechou moitas máis fichaxes no mercado estival, incluíndo as de futbolistas tan interesantes como Juan Stoickkov -autor de 12 goles a pasada campaña na Segunda División-, o carismático Asier Villalibre, o prometedor carrileiro galego de 21 anos Hugo Novoa e un Manu Sánchez que chega, precisamente, desde o Celta en calidade de cedido.

Non obstante, para completar a operación o Celta esixiu incluír a denominada 'cláusula do medo', polo que o lateral esquerdo non poderá participar no encontro, algo que lle provocou "moita rabia", nas súas propias palabras, xa que lle facía "grande ilusión" poder ser parte do mesmo.

Tendo en conta esta baixa segura -ademais da do antedito Hugo Novoa, lesionado-, o adestrador vitoriano, Luís García Plaza, podería formar de inicio co seu habitual 1-4-1-4-1 con Sivera en portería; Diarra reconvertido ao carril zurdo, Abqar e Tenaglia no centro da zaga e Carlos Vicente, ex do Rácing de Ferrol, na banda dereita; un centro do campo poboado con Guevara, Blanco, Guridi, Conechny e Stoichkov; e a dúbida do veteranísimo Kike García ou Asier Villalibre na punta do ataque.

Guaita, baixa segura

Por parte, celeste, o seu preparador, Claudio Giráldez, confirmou na rolda de prensa previa ao partido que o porteiro Vicente Guaita non entrará na convocatoria a pesar de reintegrarse recentemente aos adestramentos logo da súa lesión, mais non quixo avanzar o nome do seu substituto, sendo Marc Vidal o home que conta con máis papeletas para facelo.

Con el, Domínguez, Jailson, e Manquillo compartirían tarefas defensivas cos carrileiros, Hugo Álvarez e Mingueza, ficando a responsabilidade de controlar o medio do campo sobre os ombreiros de Damián e Fran Beltrán. Arriba, Swedberg, Aspas e un Douvikas que deixaría no banco Borja Iglesias serían os teóricos titulares. 

Comentarios