O Día das Galegas nas Letras reivindica a figura e a obra literaria de María Mariño

A plataforma de crítica feminista A Sega decidiu dedicar o Día das Galegas nas Letras a María Mariño, unha autora que sufriu -e até certo punto segue sufrindo- o desdén e o menosprezo dunha boa parte da "sociedade literaria", malia a calidade da súa obra.  
 
Varios momentos do roteiro guiado por Susana Sanches Aríns e da elaboración 
do fanzine colectivo.
photo_camera Varios momentos do roteiro guiado por Susana Sanches Aríns e da elaboración do fanzine colectivo.

"Porque navegamos contigo as marxes. Cruzamos uces e toxos, cruzamos o mar desde o fondo, pincheiras e cumes cruzamos. Porque nos lemos por dentro, porque por dentro te lemos, porque contigo queremos estar no torreiro da festa, bailarmos coas palabras quebradas sempre novas para un tempo que vén de lonxe e mocea cada día. Desde a Ponte de Sampaio, polas ondas da Marola, á noite caurelá moitos camiños para andarmos. Porque non queremos a túa imaxe calada no altar de quen xa foi, e só flor dun día, esquecida nun andel, nun libro grande fechada".

O manifesto redactado pola plataforma de crítica feminista A Sega resoou onte nas minas de San Finx, en Lousame (comarca de Noia). Como cada ano desde 2014, o colectivo celebra cada 15 de agosto o Día das Galegas nas Letras que homenaxea "a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular". Este ano, o título de Nosa  Señora das Letras que A Sega outorga nesta data, foi para a poeta María Mariño Carou, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas no ano 2007 -a terceira vez en 45 anos que se lle dedicaba esta efeméride a unha muller, como ben se lembrou desde A Sega. 

Dorothé Schubarth, María Victoria Moreno, María Xosé Queizán, Patricia Janeiro, Marica Campo, Inma Antonio, Xela Arias, Uxía Casal, Luísa Villalta e Aurora Marco precederon a María Mariño nun evento que apunta ao escandaloso déficit de mulleres presentes nas efemérides que celebran, dun modo ou doutro, a cultura galega. 

Unha poeta oculta e ocultada

Ás 12.30 horas, os actos de homenaxe a Mariño comezaron cun roteiro pola vida e obra da autora, guiado por Susana Sanches Aríns para, unha hora despois, dar paso á lectura do manifesto que reivindica a súa figura.

"Porque non queremos o teu nome a pé de páxina, mellor as súas letras ciscadas polo chan a caer no fundo máis fundo do mundo dos buracos para de alí retornar co seu cantar e darlle luz a tea do teu tear. Porque non queremos o mundo que a ti te envolve baixo lousa de alentos gardados, querémoste viva, para dinamitarmos contigo a historia que a ti te olvida".

A tarde prolongouse, despois dun xantar de convivio, a elaboración dun fanzine colectivo dedicado á autora e un micro aberto. Mais as manifestacións de homenaxe xa comezaran hai semanas con diferentes escritos e posicionamentos públicos que mostraban o aprecio e a curiosidade por unha muller que tardou en ser recoñecida como unha das grandes poetas do seu tempo.

"Este ano tivemos máis colaboracións que nunca. De feito, algunhas delas aínda non se publicaron", declara Marga do Val, do colectivo A Sega, en conversa con Nós Diario. "Hai que pensar que María Mariño é unha autora á que xa se lle dedicou un Día das Letras e que protagonizou dous números da revista Festa da Palabra Silenciada. É unha autora moi querida e moi reivindicada polo feminismo da Galiza".

Do Val considera que Mariño é un exemplo claro do que a feminista americana Joana Russ expón no seu libro Como acabar coa escrita das mulleres. "A súa figura foi constantemente subestimada. Dela díxose que era unha poeta iletrada, que facía unha vida afastada das relacións sociais, ou incluso que non existía, que era unha invención de Uxío Novoneyra. Hoxe sabemos que era unha muller que mantiña a súa independencia, que se rebelaba contra moitos puntos de vista de Novoneyra e que tiña unha vontade firme de publicar a súa obra. Mesmo cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas, moitos dos libros editados sobre a súa figura tenderon a xulgala desde perspectivas alleas ao literario, sen prestar atención á súa obra. Segue sendo unha autora moi pouco lida, aínda que xa está publicada a súa obra completa en edicións asequíbeis".

Desterrar os tópicos

Entre as colaboracións que menciona Do Val, atópanse artigos como o de Patricia Arias Chachero, que comeza o seu artigo confesando que, un ano antes de que se lle dedicase o Día das Letras, "apenas sentira falar dela", para, a seguir, concluír que "ao repasar as cifras dáse unha conta de que a historia da literatura galega moderna é fiel reflexo da sociedade patriarcal en que se creou".

María Reimóndez vai máis alá, denunciando a difusión desa imaxe "de poeta iletrada (a que nos soa isto xa? Non lles chegaba con de Castro?)" que identifica como "unha estratexia con propósito, o de reforzar o mito de Pigmalión (o home que sabe máis de ti ca ti mesma) encarnado neste caso por Uxío Novoneyra".

Por esa razón, e máis alá da denuncia, Marga do Val mostra a súa satisfacción polo feito de que María Mariño fose "toda unha descuberta para moitas persoas das novas xeracións. Todo ese interese que xera está creando unha expectativa que creo que vai redundar nun mellor coñecemento da súa figura e da súa obra, e un incentivo para desterrar definitivamente todos eses tópicos que a manteñen nun lugar marxinal da historia da literatura galega".

Comentarios