Israel asasinou como mínimo 40.000 palestinas e palestinos en Gaza desde outubro

Unha estimación fixa en 186.000 os falecementos.
Persoa asasinada en Gaza. (Foto: Abdullah Abu Al-Khair / APA Images / DPA vía Europa Press)
photo_camera Persoa asasinada en Gaza. (Foto: Abdullah Abu Al-Khair / APA Images / DPA vía Europa Press)

Como mínimo 40.005 persoas, entre elas 16.500 crianzas, foron asasinadas a mans de Israel no territorio palestino de Gaza desde outubro de 2023, corroborou a quinta feira a última actualización do Ministerio de Saúde da Faixa.

Porén, os efectos da agresión militar israelí, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican de xenocidio e limpeza étnica, dificultan os traballos de recuperación de vítimas e identificación logo de arrasar coa infraestrutura civil e de danar ou destruír máis da metade dos edificios da Faixa.

Neste sentido, a ONU estima que 10.000 persoas están baixo os cascallos das edificacións atacadas polo réxime israelí e un estudo da revista científica The Lancet publicado a comezos de xullo resolveu que o número real de mortes estaría na contorna de 186.000 persoas, que corresponde a 8% da poboación do enclave palestino.

Salim Oweis, oficial rexional de comunicación do Fondo da ONU para a Infancia (Unicef), remarcou que “o que vin é indescritíbel”, denunciando que 90% das palestinas e palestinos de Gaza víronse obrigados a desprazarse para fuxir da violencia cando menos nunha ocasión, e “rara vez escoitamos que houbo un ataque sen vítimas infantís”.

Incluso se só se ten en conta a cifra de falecementos confirmados isto supón case catro veces a cifra de civís que perderon a vida na guerra de Ucraína desde a invasión rusa hai dous anos e medio. Os datos palestinos non diferencian civís de combatentes da resistencia, mais até a narrativa israelí, que considera combatentes todos os homes mortos, asume que a grande maioría son civís. Arredor de 60% das vítimas eran crianzas, mulleres ou persoas maiores.

Non obstante, o apoio fechado dos Estados Unidos, o seu principal aliado e provedor armamentístico, está a permitir o réxime de apartheid sionista superar o illamento internacional crecente. Ao respecto, a entidade Voces Xudías pola Paz sinalou que “os Estados Unidos non só están a permitir que o Goberno [de ultradereita] israelí cometa un xenocidio, senón que o están a axudar activamente”.

O certo é que tras o último masacre en Gaza, o asasinato dun centenar de persoas nunha escola ateigada de refuxiadas, Washington aprobou unha nova venda de armas a Israel por valor de 18.000 millóns de euros.

En paralelo, o presidente palestino, Mahmoud Abbas, anunciou en Turquía que intentará entrar en Gaza co resto de membros da Autoridade Nacional Palestina para frear a "bárbara agresión" sionista. "Fareino aínda que sexa o último que faga na vida", reiterou.

Comentarios