A prensa sionista confirma que os militares israelís usan civís de Gaza como escudos humanos

Ou alto o fogo ou represalias, advirte Irán a Israel.
Gazatí asasinado por Israel. (Foto: Mahmoud Zaki / Xinhua News / ContactoPhoto)
photo_camera Gazatí asasinado por Israel. (Foto: Mahmoud Zaki / Xinhua News / ContactoPhoto)

“É mellor que estoupen eles e non os soldados”. Con estas palabras un comandante do Exército israelí xustificou o uso de civís palestinos como escudos humanos na Faixa de Gaza, sinalou a terza feira o xornal Haaretz, que citou varios soldados que ratificaron que se trata dunha práctica habitual.

Á hora de entrar en túneles ou casas nas que sospeitan que pode haber trampas explosivas, os militares sionistas forzan civís a que entren en primeiro lugar para comprobar se a área é segura. O medio incide en que nesta práctica son utilizados civís arrestados especificamente para usalos como escudos humanos e non persoas ás que o réxime de apartheid considera sospeitosas de terrorismo.

Altos funcionarios militares coñecían a situación, e o Exército non desestimou os feitos ao ser cuestionado sobre esta práctica, limitándose a soster que é algo prohibido e que está a investigar as acusacións. En xuño, un vídeo revelou como militares sionistas ataron un palestino ferido ao seu vehículo militar para evitar ser atacados en Cisxordania. Case 10.000 palestinas e palestinos están detidos en Israel e clasificados como “presos de seguridade”.

Ademais do uso de civís como escudos humanos tamén foi probado o uso da tortura por parte de Israel contra as persoas arrestadas. Ambas as dúas condutas están consideradas crimes de guerra.

Nese sentido, a axencia de verificación da canle Al Jazeera analizou o acontecido na fin de semana, cando un ataque israelí contra unha escola ateigada de refuxiadas e refuxiados matou arredor de 100 persoas, concluíndo que foi “programado deliberadamente para causar o máximo número de vítimas”. Israel tratou de defenderse difundindo información falsa sobre supostos combatentes palestinos afectados polo ataque.

Ao tempo, e perante as agardadas represalias de Irán, que manteñen en alerta máxima os militares israelís, a axencia Reuters comunicou que tres altos funcionarios iranianos confirmaron que a única vía para que as represalias non se produzan e que se finalice un acordo para un alto o fogo en Gaza que o Goberno ultradereitista de Israel bloqueou repetidamente co aval do seu principal aliado e provedor de armas, os Estados Unidos.

Agradecemento a Rusia

Nunha visita a Rusia, o presidente palestino, Mahmoud Abbas, agradeceu ao país o seu “valente” apoio á causa palestina, e o seu homólogo ruso, Vladimir Putin, aseverou que “estamos a facer todo o posíbel para apoiar Palestina”.

Comentarios