Andalucía

Andalucía identifica dez novos casos do Virus do Nilo e confirma a morte dunha muller con patoloxías previas

Destes casos, cinco xa se atopan de alta, e notifícase o falecemento dunha muller de 87 anos con Virus do Nilo Occidental, que presentaba patoloxías previas, no municipio de Coria del Río.
Mosquito do xénero 'Culex'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mosquito do xénero 'Culex'. (Foto: Nós Diario)

A Consellaría de Saúde e Consumo da Xunta de Andalucía, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública e Ordenación Farmacéutica, detectou a presenza de Virus do Nilo Occidental (VNO) no seguimento realizado entre o 1 e o 8 de agosto nos municipios de Almensilla, Bollullos de la Mitación, Dos Hermanas, Gelves, Los Palacios e Villafranca e Villamanrique de la Condesa, así como en Barbate.

Ademais, confirmou dez novos casos de VNO en tres persoas de Dos Hermanas, catro de Coria del Río, unha de La Puebla del Río, outra de Sevilla e unha de Nafarroa que se atopaba en Utrera. Destes casos, cinco xa se atopan de alta, e notifícase o falecemento dunha muller de 87 anos con Virus do Nilo Occidental, que presentaba patoloxías previas, no municipio de Coria del Río.

Así mesmo, como resultado da integración das vixilancias, Saúde Pública comunica que a Estación Biolóxica de Doñana do CSIC localizou tamén presenza de VNO en mosquitos capturados nos municipios de La Puebla del Río, Coria del Río e Palomares del Río. Á súa vez, detectouse presenza de virus do Nilo occidental por parte da Consellería de Agricultura, Pesca e Desenvolvemento Rural nun cabalo en Jerez de la Frontera, un cabalo en Écija, outro en La Luisiana e outro en Carmona.

Saúde e Consumo comunicou aos responsábeis municipais as actuacións de saúde pública que deben adoptar segundo o previsto no Programa de vixilancia e control integral de vectores transmisores de Febre do Nilo Occidental (FNO) en Andalucía para reducir de forma relevante as probabilidades de transmisión á poboación, continuando así coa continua coordinación de Saúde cos Concellos afectados, Deputacións e empresas para as actuacións de control de mosquitos na zona do baixo Guadalquivir que deben acometer as autoridades locais.

Ademais, o informe semanal de Saúde Pública conclúe que as densidades poboacionais de femias de especies de mosquitos potencialmente transmisores atópanse en niveis altos (Grao IV/IV e III/III) en Villamanrique de la Condesa, Los Palacios e Villafranca, Gelves, Dos Hermanas, Bollullos de la Mitación, Barbate e en niveis medios (Grao II/II) en Almensilla, Benalup-Casas Viejas e Vejer de la Frontera.

A infección polo VNO é unha zoonose transmitida por mosquitos do xénero Culex. A enfermidade afecta a países do sur, leste e oeste de Europa. O virus transmítese entre as aves a través da picadura de mosquitos infectados sendo este o seu ciclo natural. Os humanos e outros mamíferos poden infectarse de forma colateral, sen que desde eles se produzan novas transmisións. Ao redor do 80% das infeccións polo VNO en humanos son asintomáticas. A FNO é a presentación clínica máis común. Os anciáns e as persoas inmunocomprometidas corren un maior risco de desenvolver a enfermidade neuroinvasiva do Nilo Occidental.

Desde a Consellaría de Saúde e Consumo insístese na necesidade de que a poboación manteña as medidas preventivas para evitar picaduras de mosquitos nas horas de maior actividade das especies transmisoras desta enfermidade (en horas de próximas ao amencer e posteriores á tardiña), tanto individuais -uso de repelentes rexistrados de uso tópico e roupa clara e que cubra a maior parte da pel-, así como domésticas -uso de mosquiteiras ou repelentes ambientais- sobre todo para a poboación vulnerábel con inmunidade comprometida.

Nestas recomendacións hai que incluír evitar as acumulacións de auga peridomésticas (xardíns, macetas, útiles, etcétera) para evitar que sexan usadas para o desenvolvemento de larvas de mosquitos, como o coñecido mosquito tigre.

Vixilancia de mosquitos transmisores de FNO

A vixilancia entomolóxica (vixilancia de mosquitos) é a ferramenta clave para a identificación precoz da circulación do virus do Nilo occidental en Andalucía, permitindo adoptar as medidas de vixilancia e control adecuadas destinadas a diminuír o risco da poboación andaluza.

O seguimento periódico das poboacións de vectores (mosquitos) mediante trampas situados en puntos estratéxicos permite coñecer as distintas especies de mosquitos, a densidade poboacional e a detección da presenza do virus do Nilo occidental en especies transmisoras como son Culex perexiguus, Culex pipiens, Culex modestus e Culex laticinctus.

A localización dos emprazamentos para as trampas realízase en 26 municipios de Andalucía, ben por estar estes clasificados como áreas de risco alto ou moderado ben para obter información sobre o progreso do vector en territorios con niveis de risco inferiores.

O obxectivo que se persegue é a detección temperá do aumento da densidade de mosquitos transmisores e a circulación do virus nos mosquitos para informar á Administración local que intensifique as accións de vixilancia, control e comunicación no seu territorio, diminuíndo así as probabilidades de transmisión a humanos.

O criterio que se utilizou na localización das trampas nos territorios seleccionados foi o de zonas onde sexa esperábel unha abundancia importante das catro especies principais vectores (mosquitos) do virus con anterioridade á súa maior presenza nos núcleos poboacionais, é dicir zonas con presenza de auga estancada con baixa salinidade.

Por outra parte, en Andalucía lévanse a cabo máis actividades de vixilancia entomolóxica de mosquitos transmisores do virus do Nilo occidental. Cómpre destacar o labor da propia Estación Biolóxica de Doñana (CSIC) con sete estacións de trampeo e a execución do Proxecto Arborprevent que inclúe 800 puntos de mostraxe, dos cales 400 se tomaron mostras o ano pasado e 400 están a facerse durante este ano.

Ademais, o Servizo de Control de mosquitos da Deputación de Huelva conta con 23 estacións de trampeo. A información coordínase e intégrase con outras vixilancias realizadas nos cabalos e aves, polas autoridades autonómicas de sanidade animal e fauna silvestre, e coa vixilancia epidemiolóxica humana, de todas elas realízase igualmente o seu seguimento desde esta Dirección Xeral.

Comentarios