Toma posesión o Goberno catalán liderado por Salvador Illa (PSC), que inclúe altos cargos de ERC e procedentes de Junts

Junts adianta a outubro o seu congreso.
Novo Goberno catalán encabezado por S. Illa (centro), a segunda feira. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)
photo_camera Novo Goberno catalán encabezado por S. Illa (centro), a segunda feira. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)

As 16 conselleiras e conselleiros do Goberno catalán que preside Salvador Illa (Partit dels Socialistes, PSC-PSOE) tomaron posesión a segunda feira do seu cargo, nun Executivo que Illa cualificou de “transversal” e con “independencia de criterio, valores socialdemócratas e humanismo cristiá”.

Malia que a maioría do novo Govern procede da forza estatal, que, cando menos no primeiro treito de lexislatura gobernará en solitario, inclúe Ramon Espadaler, conselleiro con Artur Mas e Jordi Pujol (Convergència i Unió, CiU), a cargo de Xustiza; Miguel Sàmper en Empresa e Traballo logo de formar parte do Executivo de Quim Torra (Junts), e dous altos cargos que foran designados por Esquerra Republicana de Catalunya (ERC): Sònia Hernández, que pasa de Patrimonio Cultural a Cultura, e Francesc Xavier Vila, que seguirá á fronte de Política Lingüística, que pasa a ser unha Consellaría.

Congreso de Junts

Á vez, Junts adiantou o seu congreso nacional, previsto para 2026, á última fin de semana de outubro, coincidindo coa declaración de independencia que se efectuou en 2017.

Comentarios