A Pobra exixiu verdade, xustiza e reparación no Día da Galiza Mártir

A concelleira da Memoria Histórica, Patricia Lojo, manifestou que a deste ano era unha homenaxe e lembranza especial ás persoas represaliadas ou exiliadas da Pobra do Caramiñal.
A celebración desta xornada conmemorativa partiu da Irmandade Galega da Arxentina, presidida por Castelao, en agosto de 1942.
photo_camera A celebración desta xornada conmemorativa partiu da Irmandade Galega da Arxentina, presidida por Castelao, en agosto de 1942.

Verdade, xustiza e reparación; unha tripla reivindicación arredor da que se vertebrou o acto polo Día da Galiza Mártir 2024 na Pobra do Caramiñal. A celebración desta xornada conmemorativa partiu da Irmandade Galega da Arxentina, presidida por Castelao, en agosto de 1942. Escolleuse a Alexandre Bóveda como un dos símbolos que personifican tódalas persoas represaliadas polo franquismo, pois o propio intelectual galeguista foi fusilado no 17 de agosto de 1936 no monte da Caeira, en Poio.

A carón da escultura pola memoria histórica situada nos Xardíns de Valle-Inclán, a concelleira da Memoria Histórica, Patricia Lojo, manifestou que a deste ano era unha homenaxe e lembranza especial ás persoas represaliadas ou exiliadas da Pobra do Caramiñal. Un dos nomes que se rememoraron foi o de Manuel Hermo Vidal, tenente do alcalde en 1936, que era rexedor interino no momento do golpe de Estado franquista e que foi torturado polos falanxistas para despois, o 7 de xaneiro de 1937, ser detido xunto con Manuel Pérez Becerra, un sindicalista da CNT e político tamén da Pobra. No 13 de xaneiro, trasladado á cadea de Santiago de Compostela e xulgado por rebelión no 20 de marzo e condenado á pena de morte. Foi fusilado en Boisaca, no 16 de abril de 1937.

A edil tampouco se quixo esquecer das aproximadamente 1.000 persoas que estiveron presas no campo de concentración do lugar do Pozo e lanzou, ademais, palabras de agradecemento a José Fernando Fernández Vázquez, coñecido como comandante Soutomaior, vinculado á política naqueles tempos e quen loitou contra a ditadura franquista.

Os actos de recoñecemento e da exixencia da verdade, xustiza e reparación continuarán no 24 de agosto, ás 12.30 horas, nas inmediacións do dito monumento cunha homenaxe aos soldados do Estado (algúns deles da Pobra) que axudaron na liberación de París dos nazis na II Guerra Mundial, no 24 e 25 de agosto de 1944.

Comentarios