Localizados en Mesía os corpos de José Galán e Manuel Ramiro, asasinados pola Garda Civil en xuño de 1952

O Goberno de Culleredo facilitará "todos os trámites e procedementos que teñan que facer os familiares no caso de querer trasladar os restos mortais ao municipio".

Traballos de exhumación no cemiterio de Visantoña, en Mesía. (Foto: ARMH)
photo_camera Traballos de exhumación no cemiterio de Visantoña, en Mesía. (Foto: ARMH)

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) localizou os dous corpos que buscaba no cemiterio de Visantoña, no municipio de Mesía (comarca de Ordes), segundo veñen de notificar fontes do colectivo. Trátase de José Galán Núñez e Manuel Ramiro Souto, ambos os dous nados en Almeiras (Culleredo, comarca da Coruña) e que formaron parte da guerrilla galega antifranquista. Foron asasinados pola Garda Civil o 22 de xuño de 1952.

Ao fío das 9 horas da mañá da pasada terza feira o equipo da ARMH comezou a procura dunha foxa común no citado cemiterio na que, segundo a documentación da época consultada, xacían os corpos de Galán e Ramiro.

A ARMH foi a primeira entidade que practicou unha exhumación científica dun foxa de vítimas da represión franquista, no ano 2000. Agora, e tras varios días de traballo en Mesía, fecharon con éxito un novo expediente sempre co obxectivo de facer xustiza.

En relación a este traballo de exhumación, o consistorio de Culleredo trasladou a súa vontade de colaborar. O alcalde, José Ramón Rioboo, púxose ao dispor das familias: "A falta de confirmación oficial sobre a orixe dos restos, e unha vez realizadas as comprobacións pertinentes, o Goberno local facilitará todos os trámites e procedementos que teñan que facer os familiares no caso de querer trasladar os restos mortais ao municipio".

Este proceso requiriría da autorización da Xunta da Galiza e do Concello de Culleredo, de acordo aos regulamentos de Policía Sanitaria Mortuoria vixentes no país, así como coa normativa local. Rioboo, sinala que "tanto por defender a súa honorabilidade como en apoio da Lei de memoria democrática", ficará "do lado das familias para prestarlles apoio nun proceso no que terán que intervir todas as administracións".

Comentarios