O BNG exixe á Xunta axudas urxentes ante a EHE

Secundino Fernández pedirá no Parlamento galego ao Goberno galego varias medidas contra a enfermidade que afecta á cabana bovina, entre elas un estudo para debater o estado da enfermidade e as posíbeis solucións.
O deputado nacionalista, Secundino Fernández, cun gandeiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera O deputado nacionalista, Secundino Fernández, cun gandeiro (Foto: Nós Diario).

O deputado do BNG encargado da área do Medio Rural, Secundino Fernández, exixiulle esta quinta feira á Xunta da Galiza medidas urxentes ante a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) ademais de que "asuma as súas funcións nunha situación de extremo abandono dos gandeiros". O nacionalista mantivo varias xuntanzas con gandeiras e gandeiros que a súa “situación de abandono” e “falta de información e de axudas”, mentres a Consellería do Medio Rural está “ausente”, criticou. 

A través dun comunicado, o BNG explica que esta situación suponlle uns custos medios de 400 euros por animal infectado "que terán que pagar sen axuda da Xunta". Fernández lembra que a súa formación “xa advertiu do que podía pasar coa chegada do verán” e agora demándalle Medio Rural que “tome medidas e que pare de buscar escusas".

Neste sentido, o nacionalista critica que malia anunciarse que en 2023 se habilitaron indemnizacións por valor de 196.000 euros, as axudas “aínda están sen percibir por parte dos afectados”. Ademais, advirte que “se se comparan coas recibidas no resto do Estado español, é unha cifra excesivamente discreta para o número de casos totais da enfermidade”.

Para o deputado, estes son “resultados dramáticos para os animais e por extensión para os propietarios”, que se atopan nunha situación de “desesperación absoluta pola elevada morbilidade que a enfermidade está mostrando nesta tempada”, onde xa hai casos confirmados en dez zonas veterinarias do país, con 388 casos constatados en laboratorio e “sen chegar aínda ao pico de afectación”.

Demandas do BNG

Na iniciativa da formación nacionalista que se debaterá en comisión parlamentaria reclámaselle ao Executivo de Alfonso Rueda fixar unha partida orzamentaria destinada a indemnizar os casos de EHE e subvencionar a vacinación voluntaria para que a solicite.

Ademais, o BNG solicita da Xunta un estudo de incidencia da EHE na Galiza e que se reúna o Comité Nacional do Sistema de Alerta Veterinaria de España (Rasve) para debater o estado da enfermidade e as posíbeis solucións. Por último, ínstalle a solicitar ao Goberno español  a colaboración e coordinación da comisión de carácter técnico da Rasve.

Comentarios