O Demo encherá as rúas de Pontevedra de trasnadas

O festexo tradicional recuperouse hai 23 anos.
Unha edición anterior da Festa do Demo de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Unha edición anterior da Festa do Demo de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

A Festa do Demo volverá tinguir de cor vermella varias das rúas da cidade de Pontevedra. A saída do Demo e do seu séquito dos arcos de San Bartolomeu coa fin de percorrer as rúas e prazas do centro histórico promete ser un acontecemento un tanto maligno, si, mais tamén unha cita onde a diversión, a sorpresa e a tradición popular son conxugadas nun mesmo espazo e nun mesmo tempo.

Ás 12.30 horas desta sexta feira, o Demo sairá da tradicional localización para a continuación seguir facendo o mal a través de burlas e trasnadas varias. Ás 20 horas, a comitiva volverá saír para facer de novo o percorrido, por se algunhas crianzas ou adultos perderon a oportunidade pola mañá. Ás 21 comezará o concerto de San Bartomoleu ofrecido pola Banda de Música de Salcedo na praza de José Martí. Media hora máis tarde, ás 21.30 horas, iniciarase a Foliada do Demo cos Chichisos e Silvia Redonda na praza de Curros Enríquez.

23 anos de historia

A Festa do Demo e os seus 23 anos de historia simbolizan o éxito que supón a recuperación de festividades e celebracións tradicionais, prohibidas e perdidas no seu momento. Esta cita é un exemplo "dese folclore popular noso, que cómpre manter vivo no tempo, e que demostra a súa vixencia á hora de ofrecer divertimento e festividade nos tempos actuais, ao tempo que achega unha preocupación pola etnografía pontevedresa", sinalan desde o Consistorio.

No seu día, a recuperación desta cita foi un labor de investigación de enorme interese á par que complexo, perante a dificultade de atopar información sobre a celebración en si. O rastrexo principal levouse acabo a través do libro Pontevedra, boa vila, que conta cun texto de Vicente Risco e un par de ilustracións de Agostiño Portela. Por suposto, a veciñanza tamén axudou, sendo fontes orais de referencia, ao contaren quen era Dominguiños, un pontevedrés daquela época, que sempre exercía de demo. 

Este Dominguiños era un antigo aprendiz de electricista, logo vendedor de décimos de lotaría, mais lembrado na memoria popular por exercer de Lucifer chegado o momento adecuado, intre no que nenas e nenos fuxían, malia que tamén sabían que podían obter algún que outro agasallo del en forma de caramelo.

Comentarios