O peixe chegará ao centro da Boa Vila co XXVI Campionato de Pesca Submarina

O XXVI Campionato Virxe da Peregrina de Pesca Submarina, organizado polo Club Sotavento, repetirá esta fin de semana dentro das probas que a Federación Galega de Actividades Subacuáticas (Fegas) ten na súa segunda Copa Galiza. De fondo, a procura de relevo xeracional que dea continuidade a este deporte.
Participantes no Campionato de Pesca Submarina organizado polo Club Sotavento en 2023 (Foto: Club Sotavento).
photo_camera Participantes no Campionato de Pesca Submarina organizado polo Club Sotavento en 2023 (Foto: Club Sotavento).

O vindeiro 25 de agosto a península do Grove, no Salnés, acollerá o XXVI Campionato Virxe Peregrina. A proba realizarase na modalidade de infantería individual e rexerase polo regulamento de pesca submarina da Federación Galega de Actividades Subacuáticas (Fegas). Desde o Club Subacuático Sotavento de Pontevedra, organizador do evento, o seu secretario, Héctor Costa, explica a Nós Diario que naceu “para xuntar a xente da entidade mais en pouco tempo, e promovéndose entre os clubs da zona, colleu sona”.

Malia non ser unha modalidade deportiva moi estendida antes de chegar a pandemia da Covid-19 conseguiron inscribir máis de 60 participantes. “Pouco a pouco conseguimos reunir cada vez máis xente, primeiro de entidades galegas para despois sumar inscricións do resto do Estado español por ser dos que leva máis tempo”, afirma Costa.    

A singularidade desta proba tamén axudou a que fose moi popular. Desde o club quixeron, de inicio, integrar a Boa Vila na propia competición. Por este motivo, pésanse as capturas pola tarde na praza da Verdura de Pontevedra tras a proba que ten lugar pola mañá desde a praia de Canelas (Sanxenxo) até o peirao de Pedras Negras en San Vicente do Mar (O Grove). “É un lugar moi céntrico e o Concello déixanos que fagamos alí esa parte da proba que, ademais, é moi espectacular”, asegura Costa.  

Proposta diferente

Cara ao centro de Pontevedra, grazas á colaboración municipal, achegaranse exemplares de maragota, robaliza, sargo, peixe porco e muxe, “as cinco máis comúns que se atopan nas nosas costas nos últimos anos”, segundo comenta o tamén deportista e secretario do Sotavento. A proba repetirá por segundo ano dentro da Copa da Galiza, unha proposta federativa que naceu coa intención de procurar animar a xente nova para que se sume a este deporte pola falta de relevo xeracional que notan os clubs de pesca subacuática. 

“Sáese desde terra, por iso leva o nome de infantería, para alentar a mocidade que non dispón de embarcación e que se anime a competir para despois pasar á modalidade que se disputa desde os barcos”, apunta Costa.

As inscricións, tamén para facilitar a participación, poden realizarse até o mesmo día da proba “e mesmo a pé de praia” coa intención de axilizar os trámites burocráticos -neste caso a presentación das licenzas federativa e de pesca- e asegurar incorporacións de última hora. Se na edición anterior houbo un total de 32 participantes entre homes e mulleres, para este domingo desde a organización agardan superar as 40 inscricións. 

Participación estelar

O nivel desta edición non será menor. Este ano o campionato contará na categoría masculina coa presenza de Jacobo García e Elías Villar, membros do club Sotavento e campión de España e da Galiza, respectivamente. Ademais, chegará desde Ferrol José Fiaño e na categoría de veteranos participará o vixente campión de España, Juan Varela. De fóra da Galiza tamén contan con participantes. Unha das confirmacións é a de Chus Espósito, deportista da federación cántabra.

En categoría feminina, entre as que estarán este ano no campionato figuran Soraya Hermida, actual campioa de España; Belén Díaz, que quedou entre as primeiras no galego; e Isabel Arroyo, tamén campioa estatal. 

Asegurar a continuidade

“A continuidade xeracional neste deporte é, se cadra, un dos elementos fundamentais que procuramos traballar no noso club”, admite a Nós Diario Héctor Costa. Ese é o motivo polo que centran boa parte das actividades anuais que organizan, ademais das probas deportivas do seu calendario, na formación. 

Este ano responsabilizáronse dun obradoiro de iniciación á apnea, outro de reanimación cardiopulmonar orientado ás actividades subacuáticas e outro de pesca submarina. “Mesmo nas competicións introducimos sempre un apartado social, como é o caso do circuíto galego ou tamén no estatal”, aclara o secretario do Sotavento.  

Media alta de idade

Malia o alto nivel actual que indica os galardóns que viaxan cara á Galiza cada ano, Costa cre que este deporte vive un momento entre claro-escuro, "inseguro". Non se trata de contar cos números que presenta a federación (4.800 licenzas e 650 de competición), senón coa realidade que viven as probas que decorren na Galiza e a participación galega fóra. “A xente non se está metendo en competicións, seguen os mesmos dez ou doce que levan anos competindo, mais non conseguimos ese relevo de xente forte”, admite, “con dous ou tres novos por ano que parten de Sub-23”.

A media de idade das figuras galegas supera os 50 anos, “como por exemplo, Ricardo González, o que máis campionatos da Galiza gañou, con 52”. No caso das mulleres a situación é diferente. A súa incorporación á competición na Galiza tivo lugar hai catro anos “aínda que as idades tamén son algo elevadas se falamos de futuro, superando os 30 anos”.

Comentarios