Educación

A Xunta subvencionou con 2.687 millóns de euros o ensino privado en 10 anos

O investimento en educación pública segue sen recuperar os niveis do Goberno bipartito.

Achegas para concertos educativos do Goberno galego entre 2013 e 2022. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Achegas para concertos educativos do Goberno galego entre 2013 e 2022. (Foto: Nós Diario)

O investimento educativo da Xunta da Galiza ficou en 2022, último ano con cifras liquidadas, en 2.709 millóns de euros. Segundo os datos procedentes da Estatística de Gasto Público en Educación, elaborada polos servizos de intervención do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes do Goberno do Estado, esta cifra é inferior en 261 millóns de euros, unha vez descontado o incremento da inflación, á achegada nas contas galegas de 2009, as últimas promovidas polo Goberno de coalición PSdeG e BNG.

O gasto educativo segue sen recuperar os niveis alcanzados durante o Goberno bipartito. Mentres as dotacións en educación estiveron por encima do 26% do orzamento total da Xunta da Galiza no período 2006-2009, o gasto en ensino ficou no 21,5% na anualidade de 2022. Precisamente, as partidas destinadas á materia nese último ano foron as máis elevadas da etapa 2013-2022, cuxa contía mínima se alcanzou en 2014 con 2.027 millóns de euros. Ao tempo, o orzamento en educación da anualidade 2022 representou o 3,8% do Produto Interior Bruto (PIB) galego, mentres que en 2009 representaba o 4,3%, medio punto máis que no último exercicio liquidado.

As cifras procedentes da liquidación orzamentaria de 2022 evidencian a diverxencia nesta materia entre a Galiza e o conxunto do Estado. A este respecto, apuntan que o Goberno galego é un dos Executivos do Estado que menos inviste en educación, cun gasto medio anual por habitante de 1.043 euros, unha contía inferior en 57 euros á media estatal. Só Asturias, Madrid, Castela e León e Castela-A Mancha destinaron menos fondos que Galiza ao sistema educativo, dedicando a primeira 941 euros por habitante, a segunda 960 euros por persoa mentres que as dúas Castelas presentan un nivel de gasto parecido a Galiza, con 1.012 e 1.039 euros.

A redución das dotacións orzamentarias para o ensino provocaron importantes recortes que afectaron á calidade da prestación do sistema educativo público. De feito, o Goberno galego fechou 186 centros educativos públicos desde 2009, pasando de 1.361 nesa anualidade a 1.175 no curso escolar 2022/2023. Concretamente, a maior caída deuse en educación infantil, que reduciu nese período a oferta nun 51,2%, sendo o 90% do total das escolas que cesaron a súa actividade nese período de titularidade pública. Ademais, as partidas destinadas a bolsas e axudas á educación en 2009 sumaban 35 millóns de euros, porén, esa contía pasaba a 15,4 millóns de euros no curso 2022/2023.

O ensino privado, sen recortes

O ensino privado ficou á marxe destes recortes. A este respecto, os datos achegados polo Ministerio de Educación apuntan que a Xunta da Galiza entregou ao ensino privado 337 millóns de euros en 2022, o que representa o 12,4 % dos orzamentos totais da Consellaría de Educación desa anualidade. Trátase da contribución máis elevada ao ensino privado de toda a serie histórica, supondo un incremento de 7,2% en relación ao exercicio orzamentario de 2021, nun contexto de diminución do investimento educativo total. Así, o Goberno galego entregou ao ensino privado en concepto de concertos 2.687 millóns de euros nos últimos 10 anos.

Neste período, os fondos destinados ao sistema educativo privado incrementáronse un 30,6%, pasando de 232 millóns de euros en 2013 a 337 millóns de euros en 2022 e aumentando a súa porcentaxe nas contas galegas en 1,1 puntos. Precisamente, as partidas orzamentarias para a educación privada deron un importante salto adiante a partir das contas de 2017, cando chegaron a 259 millóns de euros.

O incremento do financiamento público ao ensino privado pódese seguir en todos niveis educativos. Mentres no curso 2008/2009, Galiza posuía 3.836 aulas concertadas, a cifra chegou a 3.978 no ano escolar 2022/2023, sumando 142 concertos educativos máis e representando un incremento de 3,7% nun contexto de redución da matrícula por razóns demográficas. A maiores, a ampliación da oferta educativa concertada focalizouse nos grandes núcleos urbanos, en moitos casos ligados a novos ciclos formativos con significada saída laboral.

Comentarios