O 23º Guísamo Folk leva as Tanxugueiras a Bergondo

Arredores e Terbutalina completan o cartel.
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, Tanxugueiras. (Foto: Trece Amarillo)
photo_camera Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, Tanxugueiras. (Foto: Trece Amarillo)

O concello de Bergondo celebra este sábado, día 24, unha nova edición do seu festival Guísamo Folk con Tanxugueiras no cartel. A partir das 21 horas, o Campo da Feira de Guísamo acollerá a vixésimo terceira edición deste evento. Pola tarde, súmanse á proposta o tradicional merendeiro, obradoiros, xogos tradicionais e food trucks.

Este ano, Tanxugueiras serán as cabezas de cartel, e Arredores e Terbutalina tamén estarán presentes no programa.

Cartel de luxo

Como vén sendo habitual, a xornada do sábado 24 de agosto comezará coa merenda que os veciños celebran todos os anos nesta data. Continuarase cos xa clásicos obradoiros e xogos tradicionais durante a tarde e, unha vez que comece a tocar, a música non parará até pasada a medianoite.

O primeiro grupo que ía subir ao escenario ía ser Abril, pero finalmente o grupo non poderá estar en Bergondo por enfermidade dun dos seus integrantes. Así, o primeiro grupo en actuar será Arredores, ás 21 horas. A banda conta entre os seus fundadores a Andrés R. Boutureira,que é veciño de Guísamo.

Tras eles virá o prato forte, xa que as Tanxugueiras regresan ao Guísamo Folk cinco anos despois da súa última participación. Olaia e Sabela Maneiro e Aída Tarrío foron catapultadas á fama no Benidorm Fest de 2022, nos últimos anos non paran de acadar o éxito alí onde foron co seu inconfundíbel estilo.

Ao remate da festa será a quenda de Terbutalina. Formada no ano 2010 por tres mozos de Esteiro que querían proxectar a imaxe da súa vila por toda a Galiza. Cunha ampla traxectoria, Migui, Mon, Torres e Diego farán gozar ao Campo da Feira do seu "gastropunk".

Máis en CULTURA
Comentarios