Punk is not dead: a Punkativada de Soutomaior contaxia o espírito rebelde á rapazada

Os días 24 e 25 de agosto, Soutomaior acollerá o Punkativada. Festival para a xente miúda, unha cita organizada polo Concello que se dirixe á rapazada desde unha perspectiva transgresora e argalleira que pretende reforzar a súa autonomía.
A primeira edición da Punkativada foi un éxito. (Foto: Concello de Soutomaior)
photo_camera A primeira edición da Punkativada foi un éxito. (Foto: Concello de Soutomaior)

Cada vez é máis habitual atopar, entre o público dos festivais de verán, familias que levan con elas a cativada. A tendencia é tan evidente que os xestores culturais xa teñen claro que un programa de concertos sen zona infantil perde asistentes. Nunha sociedade onde os menores aprenden antes a manexar unha pantalla táctil que a ler ou escribir, por outro lado, a experiencia dun festival serve de estímulo para espertar a curiosidade e para a aprendizaxe: as nenas e nenos deixan de lado o mundo virtual para socializar, para ver espectáculos en directo que activan a súa atención e traballan man a man en obradoiros que alentan a súa creatividade. Noutras palabras, recuperan a conexión emocional con eles mesmos e co mundo que os rodea.

O seguinte paso é, obviamente, crear festivais que estean dirixidos exclusiva ou principalmente para eles, cun programa que, sen obviar os intereses das persoas adultas que os acompañan, se centre nas súas preferencias.

A Punkativada de Soutomaior (comarca de Vigo) -que celebra a súa segunda edición entre os días 24 e 25 de agosto, é un deses festivais, só que ademais de dirixirse á xente miúda, faino desde unha perspectiva transgresora e argalleira que pretende reforzar a súa autonomía.

"Soutomaior é un dos concellos máis novos do país", explica Manuel Lourenzo, o alcalde da vila, en conversa con Nós Diario. "Temos moitísimos nenos e nenas e, na análise que faciamos da oferta cultural, decatámonos de que había festivais para todas as idades, enfocados a diferentes gustos, pero que non estaba institucionalizado ningún que estivese dedicado á cativada, un no que elas e eles puidesen sentirse protagonistas. Entón quixemos organizar un no que todas as actividades estivesen centradas en cativos e cativas, en que eles e elas -cos seus gustos e preferencias- fosen o centro de atención. E para iso, pensamos en convocar o mellor da programación infantil do país, que é moita e moi boa, a esta festa".

Pero ademais, a idea foi utilizar o espírito punki como reclamo. "Queriamos xogar con ese toque rebelde e gamberro que ten a rapazada e que, ao mesmo tempo, resulta moi entrañábel. E empregando ese engado, podiamos permitirlles converter a Carballeira do Peirao de Arcade nun espazo de liberdade, de diversión e de cultura. Un lugar, en definitiva, onde elas e eles poidan realizarse arredor daquilo que lles gusta. Arredor desa idea de festival como lugar de encontro de diferentes xeracións, creamos esa atmosfera entre argalleira e lúdica onde poden atopar un obradoiro punki para que se maquillen e sexan partícipes desa estética, e na que poidan desfrutar dos concertos e das diferentes actividades que se van levar a cabo con toda a intensidade do punk, que conxuga moi ben co carácter da rapazada", engade.

A primeira edición do festival tivo lugar o ano pasado e a resposta foi, en palabras de Lourenzo, "incríbel", polo que desde o Concello quixeron elevar a aposta e mellorar a proposta de programación agardando unha resposta aínda mellor.

O programa

A segunda edición de Punkativada comezará o sábado 24 de agosto ás 11 horas cun obradoiro creativo punki onde as e os peques poderán deseñar looks punkis combinando materiais con imperdíbeis que servirán para unir, completar e suxeitar prendas co fin elaborar unha indumentaria efémera (vestidos, camisas, saias…) para o festival. 

A continuación, ás 12 horas, terá lugar o concerto de As Tareixas de Redondela; ás 13 horas chegará a quenda do directo de Silforiña, de Golfiños, unha viaxe en barco, onde as asistentes poderán mergullar na bágoa dun poema, asustarse co ouveo dun lobo ou mexerse no luar dunha noite máxica.

Xa pola tarde, as actividades comezarán ás 17 horas co espectáculo Cirkompacto de Hellbrother. De 18.15 a 20.45, os xogos de Paporrubio chegarán á Carballeira do Peirao de Arcade: xogos e pequenas historias contadas e cantadas polos animais e habitantes da granxa, elaborados con xoguetes, marionetas e xigantes. A xornada do sábado despedirase co Concerto Singular de Píscore, ás 21 horas, un orixinal espectáculo que mestura virtuosismo e ritmos musicais coa comedia xestual e o clown. Diversión garantida para toda a familia.

O domingo, Punkativada retomará a súa programación ás 11 horas co obradoiro creativo Palabras encadeadas, unha cita onde se van encadear palabras para que non se perdan, creando unha peza artística con elas e así, de xeito lúdico, non perder o vocabulario que non usemos.

A continuación, chegará un dos pratos fortes desta edición co concerto da Gramola Gominola, ás 13 horas. Unha banda de auténtico rock&roll en galego con Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas, Lacón con Grelos).

Xa pola tarde, a fin de festa correrá a cargo do espectáculo, ás 17 horas, Peter Punk e o neno imperdíbel que protagoniza a popular parella formada por  Peter Punk e Brais das Hortas.

"Pensamos que Peter Punk, polo seu carácter de pioneiro, debería ser desde o inicio un clásico do festival", confesa Lourenzo. "Xa veu o ano pasado e contamos con que veña a todas as edicións. A clave do éxito dun artista coma el está en que sabe conectar con nenas e adultas por igual. E iso encaixa perfectamente co espírito da Punkativada".

Un festival que prestixia o talento e a lingua da Galiza entre a cativada

As actividades dirixidas ao público infantil cambiaron a medida que os programadores se foron decatando de que, por cada menor que asistía, viña con el polo menos un adulto. Así, os programas foron pasando de infantís a familiares. Algo que tamén se tivo en conta á hora de organizar a Punkativada.

"Nunca sobra que se recupere ese espírito rebelde e punki que todos levamos dentro, aínda que só sexa polo feito de que todos fomos cativos algunha vez. O festival tamén é unha oportunidade para ollar cara ao noso interior e recuperar aquel espírito, aínda que só sexa por un día", salienta Manuel Lourenzo.

E ese espírito rebelde tamén se manifesta nun programa que -ante a avalancha de estrelas foráneas invitadas a outros eventos- reivindica o talento das artistas da Galiza.

"Neste, como en tantos outros ámbitos da cultura, o noso país ten grandes artistas que son referencia mesmo a nivel internacional, e nós queremos pór en valor un traballo que, ás veces, é máis recoñecido fóra que aquí", pon de manifesto o alcalde. Pero ademais, Lourenzo revela outra das virtudes dun festival destas características. "Unha das grandes alegrías do ano pasado foi ver o ben que conectan as cativas e cativos coa lingua cando se dá un contexto propicio. O galego, de súpeto, abrolla dunha forma absolutamente natural en nenos e nenas que non o teñen como lingua habitual. Iso proba que cando o ambiente é positivo, o galego florece, que é o que desexamos todos: a normalización da nosa lingua", conclúe o rexedor, de quen depende a área de Normalización Lingüística.

Comentarios