Educación

O BNG anuncia un novo curso escolar "cargado de rebaixas" polas "políticas de recortes" do PP

Para a deputada nacionalista, o acordo o pasado mes de outubro de 2023 entre a Consellaría e algúns sindicatos minoritarios é "un grande engano".
A deputada do BNG Cristina Fernández Davila. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do BNG Cristina Fernández Davila. (Foto: Nós Diario)

A responsábel da área de Educación do BNG, Cristina Fernández Davila, denunciou esta cuarta feira a "política de recortes" do Partido Popular cara ao novo curso escolar, que chega "cargado de rebaixas" e con "moitas familias agardando" a que se lles asigne praza nun centro escolar. "A Consellaría de Educación volta cun novo curso de rebaixas. Menos profesorado, alumnado por riba das ratios nas aulas, agrupación de distintos niveis, feche de unidades e centros no rural, falta de especialistas nos equipos de orientación e a maioría deles compartidos entre varios centros con evidente desatención á diversidade", denunciou a parlamentaria.

Fernández Davila exixe á Xunta do PP que mude a política educativa de "continuos recortes e desprestixio do ensino público", e acusa a Administración de levar 15 anos de "retroceso claro na calidade educativa mentres se abre un nicho importante de negocio para os centros educativos privados", afirmou.

As propostas educativas do BNG en materia educativa, dixo, pasan por ofertar todas as prazas necesarias nos centros de ensino públicos, reducir as ratios nas aulas ou dispor do persoal docente necesario para unha boa atención a todo o alumnado, tamén á diversidade. Pero, sobre todo, "pasa por substituír o arcaico e nefasto" modelo de axudas ás familias por unha "gratuidade universal dos libros de texto e material escolar nas etapas obrigatorias, máis económico e para todos e todas”, salientou.

Outra demanda fundamental do BNG é a mellora as instalacións dos centros educativos, baixo criterios previamente estabelecidos "que sexan equitativos" para todos os municipios: eficiencia enerxética, actualización das instalacións, accesibilidade ou seguridade. A deputada advirte que mesmo en centros onde aumenta a oferta educativa non se acrecenta o número de docentes, "unha asfixia que o PP pretende compensar a costa da sobrecarga horaria do profesorado, da eliminación de reducións autorizadas e da oferta de optatividade en secundaria, provocando deficiencias no proceso de ensino-aprendizaxe", criticou.

Davila asegura que hai familias en toda a xeografía galega, "desde Ferrol até Rianxo, pasando por Ourense, Carral ou Valdoviño", que levan todo o verán esperando a que a Consellaría de Educación lles asigne un centro escolar ás súas fillas ou fillos, pero que a resposta que reciben ás súas queixas ou alegacións "non vai máis alá de reproducir mecanicamente a normativa que regula os procesos de admisión, sen ter en conta os dereitos básicos do alumnado e das familias", en alusión ás necesidades de transporte escolar ou a se o centro educativo de orixe está adscrito ou non.

Para a deputada nacionalista, o acordo o pasado mes de outubro de 2023 entre a Consellaría e algúns sindicatos minoritarios é "un grande engano", xa que fixaba unhas novas ratios máis baixas de alumnado dentro das aulas ou unha mínima mellora horaria tan só para o profesorado de Primaria, un acordo "prematuro e incompleto como xa advertiamos daquela, porque estaba pensado para calmar a presión social do profesorado co apoio das asociacións de pais e nais e, ademais, para asumir o menor custe posible en salarios", apuntou.

Asegura que o PP "está a incumprir o seu propio acordo", pois este curso impleméntase a baixada da ratio en 4º Infantil pero isto "non beneficiará o alumnado xa que a Consellaría non está disposta a autorizar os desdobres necesarios en máis aulas, porque suporía a contratación de máis profesorado". Hai alumnado "que está quedando sen praza e será desprazado a outros centros, aínda sendo o seu de referencia", dixo.

Cristina Fernández Davila subliñou que as Asociacións e Federacións de ANPAS "vense obrigadas a convocar manifestacións neste mes de agosto porque son coñecedoras do despropósito que se aveciña en poucos días", con numerosas familias "sumidas nunha grande incerteza por non disporen de praza escolar a estas alturas, por non poder planificar a súa conciliación coa actividade laboral, por non poder dispor dos libros de texto ou material escolar ou por ter que asumir uns gastos extraordinarios en setembro que mermarán aínda máis o seu exiguo salario", lamentou

Comentarios