O BNG exixe ao PP "priorizar a saúde dos galegos" e non "a conta de resultados de empresas amigas e familia"

"Que unha persoa morra por falta de atención é evitábel, e a Xunta ten que dispor dos medios para que o sexa e para que os tempos de resposta non supoñan que a poboación corra serios riscos de quedar desatendida", advirte a deputada Montse Prado.
A deputada do BNG Montse Prado participou nun acto reivindicativo en Vilagarcía en defensa dunha mellor dotación de medios de emerxencias. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do BNG Montse Prado participou nun acto reivindicativo en Vilagarcía en defensa dunha mellor dotación de medios de emerxencias. (Foto: Nós Diario)

A deputada do BNG Montse Prado exixiu esta terza feira ao PP que "priorice" a saúde dos galegos e das galegas e non "a conta de resultados das empresas amigas e da familia". Para iso, elixiu Vilagarcía de Arousa, capital da comarca do Salnés, como "lamentábel exemplo" das "deficiencias" no transporte sanitario urxente para demandar máis medios, tanto humanos como de ambulancias medicalizadas e helicópteros.

"Só cos 470 millóns de euros de sobreprezo do Álvaro Cunqueiro poderíase pagar o persoal de 40 ambulancias medicalizadas durante dez anos", advertiu Prado, quen cualificou a política do PP na sanidade de "elección ideolóxica", polo que instou a "rectificar" e facer un estudo das necesidades reais que existen no servizo de emerxencias sanitarias no país.

Na súa comparecencia, na que estivo acompañada por persoal do 061 e mais cargos orgánicos e institucionais do BNG, reclamou á Xunta do PP que destine os fondos a recursos para que a sanidade galega dispoña dunha asistencia "digna". "Que unha persoa morra por falta de atención é evitábel, e a Xunta ten que dispor dos medios para que o sexa e para que os tempos de resposta non supoñan que a poboación corra serios riscos de quedar desatendida", esgrimiu.

A deputada encargada da área sanitaria no Bloque recalcou que, "por moito que insista o PP, as galegas e os galegos nin están tranquilos, nin teñen garantida a atención sanitaria", xa que Galiza "só conta con 12 ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado medicalizadas", localizadas en Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e dúas na cidade da Coruña. Tamén teñen SVA no Salnés, Foz e Monforte, aínda que "estas tres contan cun só técnico".

Helicópteros

En canto aos helicópteros de soporte vital avanzado, Prado denuncia que só hai dous, un en Ourense e outro en Santiago. A esta "falta de dispositivos" engadiu as "lamentábeis" decisións do PP na Xunta como "permitir á empresa Eliance, concesionaria do servizo de helicópteros para emerxencias sanitarias, que incumpra o contrato de prestar o servizo de orto a ocaso, tanto na base de Santiago como na de Ourense".

"Meses nos que no canto de estar operativos 16 horas permiten que estea até catro menos", asegurou, para subliñar, a continuación, que se trata de "catro horas menos de atención e moito aforro para a empresas". Tanto os helicópteros como as ambulancias de SVA, advertiu a nacionalista, "son fundamentais diante dunha emerxencia, dada a dispersión xeográfica da Galiza e as enormes distancias a percorrer en moitas zonas para chegar a un hospital", advertiu.

Ambulancia medicalizada

Por outra parte, Prado tamén criticou a decisión da Xunta de "trasladar a ambulancia medicalizada da súa base no hospital do Salnés a Sanxenxo", no canto de reforzar a situación deste concello cunha ambulancia distinta. "Non ten ningunha xustificación trasladala pra Sanxenxo durante o verán e moito menos prolongalo até outubro, nin que lle permitan a Eliance non ter operativos os dous helicópteros de orto a ocaso os 365 días do ano", remarcou.

Tamén lembrou que, no que vai de verán, houbo que lamentar a falta da ambulancia medicalizada no hospital do Salnés en tres ocasións —casos difundidos polos medios—: "O 7 de xullo nun atropelo mortal, o 21 cunha parada cardíaca e o pasado 6 de agosto por unha colisión dun patinete cun vehículo".

"Nas tres ocasións puxéronse en evidencia as consecuencias de que a ambulancia medicalizada non estea no hospital do Salnés. Non sabemos se a ambulancia ou o helicóptero chegasen no tempo estabelecido o desenlace sería outro, pero o que si sabemos é que non tiveron a oportunidade", lamentou. Finalmente, avanzou que o Bloque levará este asunto ao Parlamento para que se emende a situación "cando antes".

Desde o Sergas, porén, negaron esta terza feira o traslado da ambulancia a Sanxenxo: "Non é certo que a ambulancia medicalizada de soporte vital avanzado vaia quedar en Sanxenxo até o mes de outubro, como afirma o BNG. Como vén sendo habitual, e por razóns plenamente xustificadas como é o forte aumento da poboación durante o verán, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias da Galiza-061 incorpora, entre o 1 de xullo e até o 31 de agosto, unha ambulancia medicalizada de soporte vital avanzado a Sanxenxo. Esa medida é de carácter temporal e sustentada en estudos que o 061 realiza periodicamente co obxectivo de mellorar a calidade do servizo ao conxunto da poboación. Eses estudos teñen en conta parámetros como o volume de poboación, a tipoloxía da demanda sanitaria, a frecuencia da actividade asistencial das ambulancias e os seus tempos de resposta, entre outros".

Comentarios