Parlamento

O PSdeG reclama unha comisión de investigación na Galiza sobre os contratos da Xunta con Eulen

As socialistas cren que os datos "apuntan a un patrón preocupante na xestión do PP, onde contratos millonarios parecen beneficiar a persoas próximas a Feixoo e Rueda".
A secretaria de Organización adxunta do PSdeG, Ana Pena. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A secretaria de Organización adxunta do PSdeG, Ana Pena. (Foto: Nós Diario)

O PSdeG reclamou esta terza feira a creación dunha comisión de investigación no Parlamento da Galiza centrada nos contratos subscritos pola Xunta con empresas "vinculadas con familiares e amigos" do ex presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, e o seu sucesor no cargo, Alfonso Rueda. En concreto, a través dun comunicado difundido aos medios, a secretaria de Organización adxunta das socialistas galegas, Ana Pena, sinalou os contratos "millonarios" asinados polo Goberno galego coa compañía de servizos Eulen, na que figura como directiva Micaela Núñez, irmá do ex mandatario e actual líder do PP estatal.

"O que sabemos até o de agora, segundo revelacións de medios de comunicación e auditorías externas, lévanos a pensar que é absolutamente necesario pór o foco sobre estes contratos", resaltou a dirixente do PSdeG, que apelou ás forzas con presenza na Cámara galega, onde o PP ten maioría absoluta, a "unirse" en demanda de "transparencia e rendición de contas".

Os socialistas galegos sosteñen que desde maio de 2009, momento no que Feixoo asume a Presidencia da Xunta, Eulen "recibiu adxudicacións da Administración galega por valor medio anual de 2,86 millóns de euros". A iso engaden que en "só dous anos" de mandato de Rueda o Goberno galego "adxudicou máis de 17 millóns" a esta compañía.

Para os socialistas galegos, os datos "apuntan a un patrón preocupante na xestión do PP, onde contratos millonarios parecen beneficiar a persoas próximas a Feixoo e Rueda", polo que insta a preguntarse se estes contratos "foron decididos en función do interese público ou se responden a outro tipo de interese".

"Para despexar calquera dúbida, é necesario que se investiguen a fondo", apostilou Ana Pena, que pediu "luz e taquígrafos" sobre este asunto que, ao seu xuízo, súmase á "opacidade" do PP en temas como o sobrecusto de 470 millóns na construción do hospital Álvaro Cunqueiro apuntado polo Consello de Contas.

Centro médico en Cerdedo-Cotobade

Por outra parte, a deputada do PSdeG no Parlamento galego Paloma Castro rexistrou esta terza feira unha batería de iniciativas para cuestionar á Xunta sobre a situación no centro médico de Tenorio, no municipio de Cerdedo-Cotobade (comarcas de Pontevedra e Terra de Montes). A socialista instou a Consellaría de Sanidade a garantir a cobertura da praza de pediatra neste ambulatorio que dá servizo a case 6.000 persoas mentres o titular goza das súas vacacións.

"Os nenos e nenas deste concello non se poden pór enfermas en agosto porque Rueda decidiu que non cubrirán as vacacións do seu pediatra", espetou Castro, que censurou que as menores se vexan "centrifugadas" a servizos sanitarios en concellos limítrofes, coa consecuente "perda" da "continuidade" na atención médica.

Así, os pacientes son derivados a Forcarei (Terra de Montes), onde unicamente hai atención a menores "un día á semana"; ou a Pontecaldelas, o hospital provincial de Pontevedra ou o centro de saúde da Parda, tamén en Pontevedra.

Comentarios