O PP gobernará Malpica en minoría tras o cesamento do independente Cañizo

O alcalde, Eduardo Parga, vería "incomprensíbel" unha eventual moción de censura de socialistas e nacionalistas co apoio de Alfredo Cañizo.
O alcalde de Malpica, o popular Eduardo Parga. (Foto: Concello de Malpica)
photo_camera O alcalde de Malpica, o popular Eduardo Parga. (Foto: Concello de Malpica)

O PP goberna en minoría desde esta segunda feira o municipio bergantiñán de Malpica despois da saída de Alfredo Cañizo, concelleiro non adscrito que xestionaba as áreas de Servizos, Mar, Turismo, Festexos e Mostra da Olaría. O rexedor, Eduardo Parga, sinalou en declaracións á axencia Europa Press que a decisión de cesar das súas funcións o edil independente é consecuencia da súa "mala relación" con entidades do municipio vinculadas ás áreas da súa responsabilidade.

Os populares continúan agora á fronte da corporación con seis edís, fronte aos catro do PSdeG e os dous do BNG, ademais da acta que corresponde a Cañizo, que concorrera ás últimas eleccións municipais baixo as siglas da Agrupación Independiente de Malpica. A decisión de apartalo do Goberno prodúcese ás portas de facer tres anos a moción de censura coa que Parga regresou á Alcaldía grazas, precisamente, ao apoio de Cañizo, que no inicio do presente mandato servira de bisagra para, xunto aos edís do BNG, dar o bastón de mando ao socialista Walter Pardo.

Agora, tres anos máis tarde e despois de que Cañizo —que xa formara parte dun Executivo de coalición con Parga entre 2011 e 2015— pasase a ser membro do seu equipo de goberno, o alcalde popular xustifica a súa decisión nos "conflitos permanentes" entre o responsábel de Festexos e as directivas de entidades como a comisión de festas de Malpica ou a asociación organizadora da Mostra da Olaría de Buño.

"Non podo manter as funcións dun edil que nos últimos meses creou unha fenda moi importante con entidades representativas do municipio", dixo Parga, quen considerou "incomprensíbel" unha eventual moción de censura de socialistas e nacionalistas co apoio de Alfredo Cañizo.

Comentarios