Rueda prevé que o ditame definitivo sobre Altri estea antes de fin de ano

Avanza "un esforzo" para cubrir "todas as vacantes" posíbeis en Atención Primaria e aspira a baixar máis impostos.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, baixou o ritmo da súa actividade este mes, pero ten xa en mente as prioridades para o novo curso político. Entre elas está culminar o deseño dos orzamentos para 2025, pero tamén afrontar retos sanitarios e a mellora do primeiro nivel asistencial que, dada a falta de médicos, converteuse en constante obxecto de críticas.

Nunha entrevista concedida a Europa Press, o xefe do Executivo galego reiterou que hai "unha importante falta" de facultativos e incidiu na responsabilidade do Ministerio de Sanidade en cuestións como a acreditación de unidades docentes. Pero tras acceder o Ministerio "a flexibilizar os criterios", anticipou que a intención da Xunta é traballar para cubrir vacantes.

"Imos facer un especial esforzo para cubrir todas as vacantes que podamos en Primaria", sentenciou, antes de reivindicar a xestión do goberno popular, despois dunhas semanas marcadas polo informe do Consello de Contas que apunta a un sobrecusto de 470 millóns polo modelo elixido para a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro, aínda con Alberto Núñez Feijóo, agora líder do PP, como presidente galego.

Pero Rueda puxo o foco en que este verán se evidenciaron tamén os efectos das medidas autonómicas para paliar as carencias de facultativos que agudizan máis os problemas na sanidade durante o verán. De feito, a Xunta trasladou que case 400 médicos colaboran de forma voluntaria no plan de reforzo activado por Sanidade.

"Hai que ter a mente aberta a solucións innovadoras, pero con garantías", reivindicou e defendeu que, aínda que "chegar ao cento por cento da cobertura das prazas en Primaria vai ser moi complicado", si se deu "un paso importante" con respecto "á cobertura que había fai dous ou tres anos". Niso prevé seguir avanzando.

"Espero anunciar novas rebaixas fiscais"

A preguntas sobre outras medidas que prevé priorizar nos próximos meses, Rueda aludiu á súa intención de cumprir o compromiso que adquiriu co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, en relación a incrementar o financiamento para o servizo de axuda a domicilio, que "cada vez pide máis xente".

"E comprométome a manter todas as conquistas que temos na área social", agregou, co foco nuns orzamentos nos que aposta por fuxir de "grandes anuncios" que despois "non se cumpren". Si ten claro que non subirán os impostos e que a nova rebaixa fiscal na tributación de herdanzas para parentes colaterais que anunciou en campaña aplicarase "o ano que vén xa".

Máis aló, cre que "rebaixas fiscais si, pero con 'sentidiño'" e lembrou que consolidar as reducións de impostos ten un impacto. En todo caso, matizou que "baixar impostos move a economía. "E eu espero anunciar novas rebaixas nesta lexislatura", dixo.

Taxa turística

En relación á proposta de taxa turística, aínda sen aclarar que responderá a Xunta ao goberno de Santiago, reiterou que el "non" se nega a que se aplique, consciente de que ten que haber unha lei habilitante da comunidade e de que "logo cada concello decide".

En calquera caso, aclarou que a Xunta non recibiu ningunha petición "formal" máis que a de Raxoi e salientou "só se aplica en Baleares e Cataluña", non noutras zonas do Estado "con moito turismo". "Por algo será", reflexionou.

Tampouco considera urxente manter unha reunión coa alcaldesa de Santiago, a nacionalista Goretti Sanmartín. Si garante que Raxoi terá "unha resposta" sobre a taxa (el mesmo emprazara até setembro), pero cre que "a discusión técnica" non esixe un encontro inminente entre ambos.

Gratuidade da AG-55 e AG-57? De momento non o ve "viábel"

No transcurso da entrevista, o presidente galego non ocultou o seu malestar polo feito de que o xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, non lle recibiu a pesar de que tomou posesión do seu cargo en abril. Volverá esixir ser recibido, pero cre que esta situación "surrealista" só evidencia o trato do Goberno á Galiza.

A modo de exemplo, aludiu á necesidade de buscar "solucións" para O Fiouco, na A-8, ademais de incidir en que non se pode asumir "como normal" a situación da liña ferroviaria de alta velocidade Madrid-Galiza.

"Entendín os fallos clamorosos e garrafales os primeiros días, pero non houbo nin unha soa palabra, nin un só compromiso, nin unha acción" para mellorar a situación, queixouse Rueda, quen tamén afeou que o ministro do ramo, Óscar Puente, lle dirixa cartas cun "ton" que cuestionou -como a misiva na que lle retaba a financiar a AVE con Portugal- no canto de actuar.

Sobre o comportamento do ministro tamén en redes sociais, afirmou que o ve "impropio" dun representante público. "Dito isto, a min o que me importa é que sexa un ministro eficaz. Moito máis que empezar a discutir as súas actitudes persoais. El saberá. As persoas pasan, pero as obras non", esgrimiu.

Preguntado sobre a AP-9 e o foco de Bruxelas na prórroga da concesión a Audasa, Rueda replicou que espera que, pase o que pase, non se utilice como "escusa" para evitar avanzar no traspaso da competencia, e lembrou aos socialistas o compromiso da "gratuidade" que adquiriron na campaña galega.

En canto ás autoestradas de titularidade autonómica (AG-55 A Coruña-Carballo e AG-57 Puxeiros-Val Miñor), lembrou que a Xunta conxelou as peaxes e, aínda que lle gustaría que fosen gratis, argumentou que, polo momento, non o ve "viábel".

Altri  

Rueda tamén confesou que unha das súas prioridades será apostar pola "industrialización" da Galiza e reiterou a importancia que teñen os fondos Next Generation. Co proxecto de Altri en Palas de Rei (Lugo) no foco e despois dos primeiros informes, prevé a resolución definitiva antes de fin de ano.

Terá luz verde, dixo, se así o deciden os técnicos. Non en balde, alegou que dicir que "non" por motivacións "políticas" se o proxecto "cumpre" sentaría un mal precedente. E sobre o "silencio" do Goberno en relación ao financiamento deste proxecto, afeou que "empeza a ser mosqueante". "Parece que non lles gusta nada que na Galiza haxa proxectos industriais", reprobou.

Limitación de mandatos

Tras lograr manter a maioría absoluta nas eleccións autonómicas de febreiro, Rueda proclamou que se sente "con moitas forzas" para afrontar o día a día nun cargo que ve "difícil". Aínda así, admitiu que, "se se aplicase de forma xeral en política a limitación de mandatos", a el non lle parecería "mal".

Mesmo aludiu a cal sería o límite que el ve "razoábel": "Para facer un proxecto serio, que permita empezar as cousas e culminalas, creo que o razoábel, como mínimo, son dúas lexislaturas". E levouno ao seu propio terreo: "Creo que todo o que teño na cabeza necesita dúas lexislaturas".

En clave do PPdeG, indicou que haberá que convocar un congreso autonómico e que para iso se buscará a data "máis conveniente", pero non ve présa dada a "estabilidade" do partido. Tamén recoñeceu que está "moi contento" con Paula Prado como secretaria xeral e subliñou os resultados electorais, aínda que sobre a súa continuidade, chanceou con que no futuro conclave verase ata a del mesmo.

Comentarios