O PSdeG ve "preocupantes" os datos da inflación na Galiza e exixe a Rueda unha resposta "urxente"

Abel Losada percibe que a Xunta da Galiza está a mostrarse "inactiva e ausente, limitándose a servir os intereses do Partido Popular a nivel estatal".
O responsábel de Economía da Executiva do PSdeG, Abel Losada. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O responsábel de Economía da Executiva do PSdeG, Abel Losada. (Foto: Nós Diario)

O responsábel de Economía da Executiva do PSdeG, Abel Losada, expresou esta sexta feira a súa preocupación ante os últimos datos do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) correspondentes ao mes de xullo, que sitúan Galiza cun aumento dos prezos de 3,1%, superando un novo mes a media estatal, que quedou en 2,8%.

"Desta forma, Galiza convértese no mes de xullo na comunidade autónoma co IPC máis alto", advertiu Losada, que exixe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha "resposta urxente" ante estes datos de inflación.

"Resulta especialmente difícil de entender, e moi grave en termos económicos, que Galiza estea a experimentar un incremento de prezos superior ao do conxunto de España cando a nosa demanda non está a crecer ao mesmo ritmo", recalcou.

O socialista denunciou que "este desaxuste suxire un problema estrutural na economía galega que o Goberno autonómico, baixo a dirección do señor Rueda, nin identificou nin está interesado en resolver".

Abel Losada percibe que a Xunta da Galiza está a mostrarse "inactiva e ausente, limitándose a servir os intereses do Partido Popular a nivel estatal, mentres Galiza sofre as consecuencias desta falta de atención".

Comentarios