O PSdeG afea á Xunta a "falta de atención" á muralla de Lugo

Na actualidade, censuran desde o Partido Socialista, a vexetación "toma diversos puntos do munumento", polo que a deputada Lara Méndez exixe ao Goberno de Rueda "que faga unha limpeza coa máxima celeridade".
A deputada socialista Lara Méndez. (Foto: PSdeG)
photo_camera A deputada socialista Lara Méndez. (Foto: PSdeG)

A deputada socialista luguesa Lara Méndez denunciou esta quinta feira, a través dun comunicado remitido aos medios, a situación da muralla de Lugo —cidade da que foi alcaldesa entre 2015 e 2024— debido á "falta de tarefas de limpeza e mantemento", que competen a Xunta da Galiza "ao tratarse dun ben patrimonio mundial".

O PSdeG xa rexistrou na Cámara unha iniciativa parlamentaria na que reclama ao Goberno galego que lle preste ao monumento "a atención que precisa". Méndez sinala que a muralla é un dos principais motivos polos que a cidade de Lugo tornou nun referente turístico nos últimos anos, mais o "estado lamentábel no que se atopa a día de hoxe" dá "moi mala imaxe, tanto da cidade como da Galiza", porque se trata dun dos únicos catro bens galegos que contan co recoñecemento da Unesco.

"Demandamos da Xunta unha mellor planificación", explica a parlamentaria socialista, que, se ben recoñece que Lugo conta cun turismo relativamente "desestacionalizado", engade que "non é de recibo que na época estival, coa maior afluencia de xente, atopemos a muralla no estado no que a estamos vendo".

Na actualidade, censuran desde o Partido Socialista, a vexetación "toma diversos puntos do munumento", polo que Méndez exixe ao Goberno de Rueda "que faga unha limpeza coa máxima celeridade", pero tamén que, de cara ao futuro, planifique estas actuacións co fin de que "cando cheguen estas datas non atopemos así a nosa muralla".

Comentarios