O BNG denuncia a "desidia" da Xunta no envío do informe anual sobre violencia machista

Noa Presas ve no atraso da presentación deste documento unha "falta de respecto" ao Parlamento galego e, "sobre todo, ás mulleres deste país".
A deputada nacionalista Noa Presas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada nacionalista Noa Presas. (Foto: Nós Diario)

A deputada nacionalista Noa Presas denunciou esta sexta feira o "atraso por parte do PP" no envío do informe anual sobre violencia machista, no que considera un "claro acto de desidia" por parte do Goberno galego en materia de igualdade, así como unha "falta de respecto" ao Parlamento galego e, "sobre todo, ás mulleres deste país".

Presas salientou que "non é habitual que se atrase tanto" a presentación do documento, xa que "o normal é remitilo entre abril e xuño para que se poida analizar e debater na Cámara". Cualifica a demora de "falta de respecto ao Parlamento" e dunha "desidia que vai na mesma liña da supresión da Secretaría Xeral de Igualdade no inicio deste mandato para diluíla en dúas direccións xerais", un xesto que daquela a deputada nacionalista describiu como "unha mostra máis de submisión ao PP de Madrid, que fai seguidismo da extrema dereita".

A nacionalista asegura que esta "desidia" do Executivo de Alfonso Rueda a respecto da violencia machista "vai ademais no mesmo camiño da recente privatización dos centros de crise 24 horas para vítimas de violencia sexual", un proceso ao que se van destinar "7,5 millóns de euros para que empresas multiservizos engorden o seu negocio a conta dos dereitos das mulleres, como vén denunciando o BNG".

O informe anual de violencia de xénero do 2023 conta con outros dous informes específicos que se veñen incorporando os últimos anos a petición do BNG, un que fai referencia ás prestacións periódicas que a Xunta concede ás vítimas da violencia de xénero e outro sobre as violencias sexuais.

Noa Presas lembra que no ano 2021 este informe sobre violencia de xénero foi exposto en maio; en 2022, en abril, e en 2023, a comezos de xuño. "Desde o BNG non compartimos esta desidia do Goberno galego", afirmou a parlamentaria, que avanzou a presentación de iniciativas para que se remita o informe "cando antes" e para que "se corrixa esta situación".

Comentarios