Catalunya

Puigdemont e Comín denuncian Llarena por atrasar o seu recurso sobre a amnistía

A ANC cuestiona o apoio de ERC a Illa (PSC).
Carles Puigdemont (Junts). (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Carles Puigdemont (Junts). (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

O avogado Gonzalo Boye presentou a nome do ex presidente catalán, Carles Puigdemont, e o eurodeputado Antoni Comín, ambos os dous de Junts, unha demanda no Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) contra Pablo Llarena, instrutor no Tribunal Supremo da causa polo proceso de autodeterminación catalán, pola “desatención e o atraso inxustificado e reiterado na tramitación e resolución dos [seus] recursos” á decisión do maxistrado de non implementarlles a Lei de amnistía
transcendeu a segunda feira.

Boye reitera que en dúas ocasións advertiu o xuíz pola súa tentativa de dilatar o proceso, e subliña que está a incorrer nunha infracción disciplinaria da Lei Orgánica do Poder Xudicial logo de non resolver o caso nos dous meses que fixaba a lexislación da medida de graza desde a súa entrada en vigor, prazo que expirou o 11 de agosto.

O letrado detallou que, após unha primeira queixa, Llarena comezou a finais de xullo o proceso relativo aos recursos, interrompido cando marchou de vacacións. O 7 de agosto, Llarena suspendeu as vacacións “co anhelo notorio de supervisar a captura de Puigdemont”, reactivándoas unha vez fracasada a operación para a súa detención e sen decidir sobre os recursos.

O certo é que máis alá de Llarena hai un atraso xeneralizado na implementación da norma por parte do sistema xudicial español, controlado polos conservadores, atraso que non está a prexudicar os axentes policiais acusados pola represión a persoas independentistas catalás. Do menos dun centenar de persoas ás que se lles aplicou até o de agora máis da metade son policías. Entrementres a Fiscalía estimou que 486 persoas se beneficiarían da norma, Òmnium Cultural sostén que serían 1.616.

A ANC critica ERC

Ao tempo, a Assemblea Nacional Catalana (ANC) arremeteu contra a dirección de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) por rachar “coa estratexia unitaria [do independentismo] seguida desde a sentenza de 2010 do Tribunal Constitucional contra o Estatut”, con posterioridade ao apoio da forza nacionalista a Salvador Illa (Partit dels Socialistes de Catalunya, PSC-PSOE) na súa investidura como novo presidente catalán.

A entidade asegurou que “esta estratexia”, en alusión á “política fracasada dos Gobernos tripartitos, á alianza co PSOE, Sumar e as súas respectivas sucursais en Catalunya”, “volverá fracasar” pois as competencias “do Parlament e da Generalitat non permiten afrontar os grandes retos nacionais, económicos e sociais do noso país”.

Comentarios