MÁIS

Estrugar coa cultura urbana

Verín acolle esta fin de semana o Festival Extruga na Rúa.
Cibrán García e Chicho do Funk actuarán na noite do sábado en Verín. (Foto: Aigi Boga)
photo_camera Cibrán García e Chicho do Funk actuarán na noite do sábado en Verín. (Foto: Aigi Boga)

Extruga na Rúa é o selo festivaleiro identificador da cultura e música urbana en Verín. Deporte, actuacións, gastronomía e obradoiros decorrerán pola vila este sábado e domingo. O Festival Extruga posúe unha longa traxectoria amosando a forza da cultura propia das rúas. Esta edición encetará cun obradoiro de break dance de balde na praza Maior da vila.

Na tarde do sábado, o parque da Preguiza acollerá foodtrucks, zona gaming e unha feira de produtos varios para acompañar as diferentes actividades da xornada, como a batalla de galos con Lendas Celtas ou a obra de teatro da man de Kotodama. Tamén terá lugar a liga de break dance, para pór en práctica o amosado nas clases da mañá, e un obradoiro para aprender os fundamentos básicos do collage e a reciclaxe de papel con Livre Corte.

A partir das 21 horas decorrerán as seis actuacións musicais desta edición do Extruga na Rúa. Willow GHZ e Pappaquino, natal de Verín, serán os primeiros ocupantes do escenario. Seguirán Grande Amore e o dúo Boyanka Kostova, ambos grandes exemplos da música urbana actual do país. O rapeiro Dirty Suc e a DJ Cora Novoa serán as últimas apostas musicais desta edición.

O domingo estará ocupado na súa totalidade co Jalys Jump, un evento de BMX e Scooter apoiado pola empresa pataqueira natal da Limia. As xornadas contarán con adestramentos, fases clasificadoras, concurso de best trick e finais en ambas as modalidades deportivas. A xornada rematará premiando con galardóns en metálico e de merchandising as persas que consigan os tres postos no podio de best trick, BMX e Scooter respectivamente.

Comentarios