O Exército ucraíno lanza un ataque con drones contra a capital e múltiples rexións rusas

Tres países africanos piden medidas contra Kíiv por apoiar o terrorismo.
Sergei Sobianin. (Foto: Maksim Konstantinov / Europa Press / Contacto)
photo_camera Sergei Sobianin. (Foto: Maksim Konstantinov / Europa Press / Contacto)

As autoridades rusas sostiveron a cuarta feira que derrubaron 45 drones no contexto dun ataque ucraíno contra varias rexións e a capital rusa, Moscova, que o seu alcalde, Sergei Sobianin, cualificou como un “dos maiores intentos” de atacar a cidade con estas armas desde a invasión rusa de Ucraína, 11 das que foron interceptadas na contorna da urbe. Sobianin informou de que non houbo vítimas nin se produciron danos materiais.

Ademais, foron abatidos drones na provincia de Kaluga (3), no leste ruso, e nas de Briansk (23), Belgorod (6) e Kursk (2), fronteirizas con Ucraína. O anterior intento ucraíno de atacar a cidade produciuse o 11 de xullo e o máis importante até onte foi en maio de 2023, xornada na que foron derrubados oito drones.

Pola súa parte, Ucraína defendeu que derrubou 50 drones e un mísil lanzados por Rusia dos 72 obxectivos que contabilizou.

No que atinxe á incursión ucraína en Kursk, onde Kíiv asegura que controla 93 asentamentos, o seu Exército segue a intentar novos avances logo de recibir reforzos. Ao tempo, Moscova incidiu en que a incursión foi preparada e executada con participación de membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), que “empurraron activamente Kíiv a trasladar os combates a territorio ruso”, indicou o Servizo de Intelixencia Exterior de Rusia, que citou especificamente os Estados Unidos, o Reino Unido e Polonia.

Ao respecto, afirmou que asesores militares da OTAN colaboran coas tropas ucraínas en Kursk, que están a usar armamento occidental, e a alianza militar controlada polos Estados Unidos estaría a proporcionar datos de recoñecemento por satélite dos movementos dos soldados rusos. 31 civís morreron e 143 resultaron feridos até o de agora na incursión ucraína, sinalou Rusia.

Asemade, Burkina Faso, Malí e Níxer pediron ao Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU) nunha misiva que “asuma a súa responsabilidade ante a elección deliberada de Ucraína de apoiar o terrorismo” de frear "estas accións subversivas que ameazan a estabilidade do Sahel e incluso do continente africano", despois de que Kíiv confirmara a colaboración cun grupo armado en Malí enfrontado coa Xunta Militar, próxima a Rusia. 

Liberdade relixiosa

Após aprobar Ucraína unha lei para prohibir a Igrexa ortodoxa vinculada con Rusia, a Unión Europea (UE) asegurou que, “polo xeral”, Kíiv respecta a liberdade relixiosa.

Comentarios