Catalunya

ERC replica a María Jesús Montero que o que pactou co PSC si é un "concerto económico"

A ministra negou un acordo para un "cupo" en Catalunya.
A ministra española de Facenda, María Jesús Montero. (Foto: Rocío Ruz / Europa Press)
photo_camera A ministra española de Facenda, María Jesús Montero. (Foto: Rocío Ruz / Europa Press)

Esquerra Republicana (ERC) respondeu a unhas palabras da ministra española de Facenda, María Jesús Montero, nas que negaba que haxa un acordo entre o PSC e ERC para un "concerto económico" para Catalunya e quixo deixar claro que o pacto si o inclúe.

Neste sentido, ERC avisou de que non apoiarán os Orzamentos Xerais do Estado (OXE) "se os socialistas incumpren a súa palabra co financiamento singular ou outras medidas incluídas no acordo" para investir a Salvador Illa como presidente da Generalitat de Catalunya.

Nun comunicado enviado aos medios de comunicación esta cuarta feira, a formación republicana asegurou que en caso de incumprimento do pacto "os socialistas deberán buscar outras alternativas ou convocar eleccións".

ERC tamén respondeu á vicepresidenta primeira do Goberno español e ministra de Facenda, María Jesús Montero, e subliñou que a formación republicana e o PSC acordaron un "concerto económico, aínda que non o queira chamar así".

Horas antes do comunicado de ERC, nunhas declaracións nas que anunciou que o Goberno español xa ten preparado un primeiro borrador dos OXE, Montero sostivo que o pacto coa formación republicana "nin é un concerto económico, nin é unha reforma ao uso do sistema de financiamento".

"Contexto de presións"

"Entendemos as declaracións da vicepresidenta Montero nun contexto de presións por parte do resto de comunidades autónomas e partidos políticos, mais sabe perfectamente que é o que se asinou: o concerto económico, aínda que non o queira chamar así", defendeu o partido.

En declaracións, a voceira de ERC, Raquel Sans, sostivo que se Montero non quere falar de "concerto económico, pódelle chamar doutra maneira", mais subliñou que se trata do financiamento singular, e insistiu en que se debe cumprir o acordo.

Comentarios