O novo Goberno británico promete intensificar a expulsión de migrantes ao nivel máis alto desde 2018

O laborista Starmer volverá abrir dous centros de detención.

Keir Starmer, primeiro ministro británico. (Foto: Charles Mcquillan / PA Wire / DPA vía Europa Press)
photo_camera Keir Starmer, primeiro ministro británico. (Foto: Charles Mcquillan / PA Wire / DPA vía Europa Press)

A titular de Interior do novo Executivo no Reino Unido, liderado por Keir Starmer (Partido Laborista), Yvette Cooper, comunicou a cuarta feira unha batería de medidas para frear a chegada de solicitantes de asilo logo de que Starmer desbotara o plan de envialos a Ruanda, no centro de África, dos Gobernos conservadores que o precederon, o último encabezado por Rishi Sunak.

Cooper anunciou que aspiran a alcanzar nos próximos seis meses a taxa de expulsión de persoas migrantes ás que se lle rexeitou a súa solicitude de asilo máis alta desde 2018, gabándose de que ao mando de Starmer organizouse o voo para expulsar persoas migrantes máis grande da súa historia.

Tamén anunciou que reabrirán dous centros de detención de migrantes.

Á vez, lanzarán un programa para perseguir empresas que contraten persoas “que non teñen dereito a traballar aquí” e formarán 100 “novos oficiais especializados en intelixencia e investigación” para desmantelar as bandas dedicadas ao tráfico de persoas.

"Mensaxe de medo e hostilidade"

Steve Valdez-Symonds, director do departamento de dereitos das persoas refuxiadas e migrantes de Amnistía Internacional no Reino Unido, reiterou que son precisas rutas migratorias seguras e culpou o Executivo de “promover un antigo mensaxe de medo e hostilidade cara a algunhas das persoas máis vitimizadas e traumatizadas”.

As medidas foron anunciadas tras mitigarse os disturbios impulsados pola extrema dereita, que se centraron en centros de acollida de migrantes ou mesquitas, a raíz do asasinato de tres crianzas no país e da desinformación sobre a autoría do ataque.

Comentarios