A Fiscalía española propón vetar as redes sociais a quen cometa nelas crimes de odio

Petición para identificar as persoas usuarias.

Miguel Ángel Aguilar, fiscal español responsábel de delitos de odio. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Miguel Ángel Aguilar, fiscal español responsábel de delitos de odio. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

As persoas condenadas “nos casos máis graves” por delitos de odio nas redes sociais ou internet terían que poder ser sentenciadas a unha prohibición de acceso a “contornas dixitais”, subliñou a cuarta feira Miguel Ángel Aguilar, fiscal da unidade do Ministerio Público español dedicada aos crimes de odio e á discriminación.

Aínda que sería preciso introducir reformas legais para permitir esta posibilidade “tendo en conta as circunstancias do caso concreto”, detalla que xa existe xurisprudencia por unha condena do Tribunal Supremo que vetou ao acusado a entrada no “espazo virtual” implicado no delito. Tamén demandou estudar a opción de que as persoas usuarias de redes sociais “estean debidamente identificadas”.

Aguilar ofreceu estas declaracións logo da desinformación difundida por contas vinculadas á extrema dereita polo asasinato dunha crianza en Castela-A Mancha, acusando persoas de orixe árabe e facendo chamamentos a atacar menores migrantes non acompañados. De feito, unha vez que a Fiscalía anunciou que investigaría varias destas contas borraron os perfís.

Comentarios