A China convértese no eixo principal da nova estratexia nuclear dos Estados Unidos

Washington concentra 56% do gasto en armas atómicas no mundo.

Proba estadounidense en xuño dun mísil balístico intercontinental. (Foto: Forzas Armadas dos Estados Unidos)
photo_camera Proba estadounidense en xuño dun mísil balístico intercontinental. (Foto: Forzas Armadas dos Estados Unidos)

Mao Ning, voceira do Ministerio de Relacións Exteriores chinés, admitiu a cuarta feira que Beijing “está seriamente preocupada” pola aprobación dun novo plan estratéxico nuclear estadounidense, apuntando que “os feitos demostraron plenamente que os Estados Unidos (EUA) axitaron constantemente a chamada teoría da ameaza nuclear da China nos últimos anos”. Á vez, incidiu en que a tentativa de Washington de vender esta “narrativa” pretende crear “escusas para buscar vantaxes estratéxicas”.

Horas antes, o xornal The New York Times fixo público que en marzo o presidente Joe Biden deu luz verde a este plan, que pivota arredor do “aumento significativo no tamaño e a diversidade” das armas nucleares da China e ten en conta un escenario de “múltiples adversarios con armas nucleares”, sinalou este mes Vipin Narang, funcionario do Departamento de Defensa nesta lexislatura, que alertou de que “é posíbel que algún día ollemos cara atrás e vexamos o cuarto de século posterior á Guerra Fría como unha pausa nuclear”.

Narang é unha das dúas persoas con altos cargos na Administración ás que se lles permitiu comentar sobre o documento en declaracións restrinxidas. A outra, Pranay Vaddi, director superior de Control de Armas e Non Proliferación do Consello de Seguridade Nacional, subliñou en xuño que a nova estratexia fai fincapé na “necesidade de disuadir Rusia, a República Popular da China e Corea do Norte simultaneamente”, e fixo énfase en que os EUA estaban preparados para expandir o seu arsenal.

O texto é o primeiro plan nuclear que aborda se Washington está preparado para responder ataques atómicos simultáneos ou secuenciais, e que poderían ir acompañados do uso de armas convencionais, e ten que ser notificado ao Congreso, algo que se agarda que aconteza antes de que Biden deixe a Casa Branca o 20 de xaneiro de 2025. Para o medio estadounidense, “a asociación emerxente entre Rusia e a China e as armas convencionais que Corea do Norte e Irán están a prover a Rusia para a guerra en Ucraína” foron determinantes para o cambio na postura de Washington, que anteriormente consideraba que unha ameaza nuclear coordinada que superara o seu arsenal atómico “semellaba remota”.

O secreto arredor do contido exacto do documento, que adoita actualizarse cada catro anos, é tal que non existe unha versión dixital, e só unha “pequena cantidade” de “copias impresas distribuídas a uns poucos funcionarios de seguridade nacional e comandantes do Pentágono”.

As estimacións publicadas polo Departamento de Defensa aseguran que a China podería contar con 1.000 oxivas a finais da década e 1.500 en 2035. Con todo, no seu informe de 2024 sobre armamento nuclear, o Instituto Internacional de Investigación para a Paz de Estocolmo (Sipri), prevé que en 2030 o arsenal chinés neste campo “siga a ser moito menor” que o de Rusia ou os Estados Unidos a pesar de que o está a ampliar “máis rápido que ningún outro país”, indicou Hans M. Kristensen, investigador da entidade, que matizou que “case todos os Estados con armamento nuclear teñen plans ou un empurre significativo para aumentar as súas forzas nucleares”.

Entre 2023 e 2024, a China tería pasado de 410 a 500 cabezas atómicas, ocupando o terceiro posto por diante de Francia, o Reino Unido, a India, Paquistán, Israel e Corea do Norte. Non obstante, tanto Londres como París teñen a meirande parte despregadas (280 e 120 respectivamente), mentres que a China podería ter até 24. Pola súa parte, Rusia conta con 4.380 oxivas activas (1.710 despregadas) e os EUA con 3.708 (1.770 despregadas).

Ao respecto, o director executivo da estadounidense Asociación para o Control de Armas, Daryl Kimball, asegurou que Moscova “segue a ser o principal impulsor detrás da estratexia nuclear dos EUA”, e o voceiro da Casa Branca, Sean Savett, defendeu que “non é unha resposta a ningunha entidade, país ou ameaza en particular”.

Carreira armamentística

O certo é que a nova estratexia nuclear estadounidense chega no medio dunha carreira armamentística no contexto da guerra de Ucraína e da viraxe dos EUA para loitar pola hexemonía no Indo-Pacífico. 2023 foi desde 2009 o exercicio cun maior aumento do gasto militar mundial, especialmente en Europa e en Asia e Oceanía. Este gasto, 2,3% do PIB global, está dominado pola Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) con 55% do total. Só os EUA acumulan case 40% a nivel mundial, tres veces máis que a China.

A diferenza é máis exaxerada no tocante ao gasto en armas atómicas, os datos de 2023 publicados pola Campaña Internacional para Abolir as Armas Nucleares (ICAN) revelan que Washington é responsábel de 56%, catro veces máis que Beijing.

De forma paradoxal, dos cinco Estados con arsenal atómico que asinaron o Tratado sobre a Non Proliferación das Armas Nucleares (a China, os EUA, Francia, Rusia e o Reino Unido) o chinés é o único que mantén unha política de non ser nunca o primeiro en usalas baixo calquera circunstancia, comprometéndose a non usalas ou ameazar con iso contra Estados non nucleares ou en zonas libres destas armas, como as estabelecidas en América Latina e o Caribe, África ou o Sueste Asiático.

De feito, Beijing convidou Washington en febreiro a negociar un tratado con outros países con estas armas que ratificara que non serían os primeiros en utilizalas uns contra outros.

En paralelo, os Estados Unidos, o único país que lanzou unha bomba nuclear durante un conflito bélico matando entre 150.000 e 246.000 persoas nas localidades xaponesas de Hiroshima e Nagasaki, mantén a ambigüidade sobre o seu uso, que na revisión de 2022 se delimitaba a “circunstancias extremas para defender os intereses vitais dos Estados Unidos ou dos seus aliados e socios”.

Desde a Unión Soviética a Rusia

Mentres que a Unión Soviética tiña unha política de non ser a primeiro en usar armas atómicas, Rusia reverteuna en 1993. A súa última estratexia nuclear, de 2020, recolle que a súa utilización está restrinxida a responder un ataque atómico contra Moscova ou os seus aliados, ou convencional se “a existencia mesma do Estado estea en perigo”, e asevera que “a política estatal en materia nuclear é defensiva” e está dirixida a que “un adversario potencial comprenda a inevitabilidade das represalias en caso de agresión contra a Federación de Rusia e ou os seus aliados”.

Comentarios