MÁIS

As augas máxicas do Tea

Mergullarse nas praias fluviais de Mondariz.
O Val,  praia fluvial do río Tea ao seu paso por Mondariz (O Condado). (Foto: Raquel Lugo)
photo_camera O Val, praia fluvial do río Tea ao seu paso por Mondariz (O Condado). (Foto: Raquel Lugo)

O río Tea ten unha labor moi especial ao seu paso por Mondariz (O Condado) antes da súa desembocadura no Miño: crear incríbeis praias fluviais entre os bosques de árbores autóctonas para o gozo da veciñanza. Os cincuenta quilómetros do Tea que percorren O Condado están declarados como Zona Especial de Conservación (ZEC) xunto con algúns dos seus afluentes, como son o Alén, o Xabriña ou o rego de Borbén. 

O Val é unha praia fluvial localizada na parroquia de Riofrío,  culpábel de que a área recreativa tamén posúa este alcume. Atópase na contorna urbana de Mondariz, facilitando o seu acceso. Atópase perto dunhas das plantas de embotellamento da vila e dunha ponte homónima de orixe romana. Así e todo, o Val conta cunha ampla zona de aparcadoiro e o espazo acondicionado para autocaravanas de Mondariz nas inmediacións do área recreativa. 

A contorna está totalmente preparada para acoller eternas tardes de verán con pistas deportivas de baloncesto, tenis e fútbol, un parque para as crianzas e unha zona equipada con mesas e grellas. Ademais, a praia fluvial conta cun chiringo con todos os servizos ao día, facendo do Val un espazo ideal para as longas xornadas estivais. Este río pódese percorrer empregando unha ampla variedade de rutas de sendeirismo. Un ha das máis coñecidas é a senda fluvial do río Tea. Doce quilómetros río arriba adaptábeis a camiñantes expertos e amateur que percorren os concellos de Mondariz e Mondariz-Balenario de forma circular, encetando o camiño neste último, concretamente na ponte do Cruxón.

O roteiro decorrerá a través de innumerábeis pontes metálicas, mais tamén de orixe romana, como a do Val ou a de Cernadela. Diversas tamén son as praias fluviais que se atopan polo camiño. As máis destacábeis son a propio do Val, O Ceo e Foxaco. Conforme se avanza na senda, os estreitos pasos empregados polos pescadores e as pasarelas de madeira poboarán cada vez máis o Tea. 

A praia fluvial do val acolle gran variedade de equipamento aos pés do río Tea

Lugar de Foxaco

Trátase dunha praia fluvial natural no lugar de Foxaco, topónimo que lle da nome á area recreativa agochada entre as árbores que conforman o bosque autóctono. Foxaco atópase remontando as augas do río en dirección ao seu nacemento na Serra do Suído, en Avión (O Ribeiro), a 30 quilómetros do lugar.  

Pontella da Poeira

Seguindo o curso das augas cara Mondariz-Balneario (O Condado) atópase esta pequena pontella de lousas de granito que cruza os 20 metros de ancho do río ao seu paso pola Poeira. No pasado, a pontella servía para chegar até un muíño de dorna do que aínda se conserva algún resto.

Praia fluvial do Ceo

A área recreativa do Ceo é un dos nexos entre as parroquias de Riofrío e Mondariz (O Condado), sendo ao mesmo tempo un dos espazos preferidos destas veciñanzas para refuxiarse da calor.

Ademais do equipamento propio dunha praia fluvial, como un chiringo e un espazo para chantar a toalla, o Ceo posúe edificacións históricas moi perto. Unha delas é a ponte de Cernadela, de orixe romana, aínda que a construción actual é do século XV. A ponte é a culpábel de que a praia fluvial tamén se coñeza como a de Cernadela, segundo se mire desde a beira de Riofrío ou a de Mondariz.

Comentarios