O PSdeG denuncia que o Goberno galego aínda non presentou o Plan estratéxico de servizos sociais

A deputada e portavoz de política social do grupo socialista no Parlamento galego, Silvia Longueira, reclama que a Xunta cumpra coa Lei de Servizos Sociais de 2008.
Silvia Longueira no Parlamento (Foto: Nós Diario).
photo_camera Silvia Longueira no Parlamento (Foto: Nós Diario).

A portavoz de política social do grupo socialista na Cámara galega, Silvia Longueira, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamar á Xunta da Galiza que cumpra coa lei e presente antes de que remate este mesmo ano o Plan estratéxico de servizos sociais. Longueira lembra que este  plan "é fundamental" para o desenvolvemento da lei no que ten que ver coa regulación dos servizos sociais comunitarios de titularidade municipal.

A responsábel socialista explicou que a presentación deste plan, que tería unha vixencia de seis anos, é unha obriga fixada pola Lei de Servizos Sociais de 2008, que deposita na Xunta o liderado do sistema de servizos sociais.

Porén, o Goberno galego, segundo esta deputada, suma xa 16 anos de atraso en asumir as súas competencias neste sentido, cunha política que Longueira cualificou  de “brazos caídos” e que chegaría a explicar "de forma cristalina o seu nulo interese no desenvolvemento dos servizos sociais”.

A deputada socialista criticou a “falta de implicación da Xunta da Galiza no liderado do sistema galego de servizos sociais”, ao negarse “de facto” a cumprir coa súa obriga de elaborar o plan que, segundo a Lei de Servizos Sociais, debera ser formulado en función das necesidades sociais da cidadanía galega.

Ademais, o proceso debería contar coa participación das entidades sociais, para ser aprobado a continuación polo Consello da Xunta da Galiza. 

Desinterese

Silvia Longueira lamentou que "o desinterese" amosado polo Goberno galego os leve "a incumprir a lei durante os últimos 16 anos", amosando que o actual Executivo do PP ten “alerxia tanto á presentación dos servizos sociais como á participación da cidadanía a través das entidades locais”.

Comentarios