Óscar Puente comparecerá no Senado polas incidencias nos trens

A comparecencia de Puente terá lugar dous días despois de que un Alvia Madrid-Ferrol quedase parado na mañá desta cuarta feira, pouco antes das 12 horas, perto de Taboadela (comarca de Ourense), deixando inutilizada durante máis de dúas horas a conexión con Madrid.
O ministro Óscar Puente dirixíndose á tribuna de oradores do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O ministro Óscar Puente dirixíndose á tribuna de oradores do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O ministro español de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, comparecerá no Senado esta sexta feira, 23 de agosto, a pedimento do PP, para explicar as incidencias na rede ferroviaria, así como os resultados da auditoría encargada a raíz do caso Koldo.

Así consta na axenda do Senado para esta próxima sexta feira. Segundo a mesma, a comparecencia do ministro comezará ás 11 horas na sala Clara Campoamor no marco da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostíbel.

A intervención responde a tres puntos principais, sendo o primeiro o relacionado coas incidencias na rede ferroviaria, que o PP sinala como "reiterados atrasos e múltiples incidencias".

Puente xa sinalou en distintas ocasións que os problemas na rede de proximidade derívanse principalmente das obras de mellora e que as últimas incidencias na alta velocidade están relacionadas cos problemas que están a dar os novos trens Avril de Talgo, estreados o pasado mes de maio.

O ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel reiterará esta mensaxe ante as críticas de varios grupos parlamentarios. Os outros dous puntos da comparecencia están relacionados co caso Koldo, en concreto o primeiro para explicar os resultados da auditoría que encargou Puente sobre os posíbeis casos de corrupción, e a segunda para detallar que medidas vai adoptar respecto aos altos cargos investigados no Ministerio.

Incidencia na Galiza

A comparecencia de Puente terá lugar dous días despois de que un Alvia Madrid-Ferrol quedase parado na mañá desta cuarta feira, pouco antes das 12 horas, perto de Taboadela (comarca de Ourense), deixando inutilizada durante máis de dúas horas a conexión con Madrid.

Ao tratarse dun tramo de vía única, o tráfico en dirección á capital viuse interrompido durante algunhas horas por este Alvia que, ademais, tivo que ser remolcado por outro convoi até Ourense. Organizouse un servizo de transporte alternativo con autobuses para poder trasladar ás viaxeiras e aos viaxeiros.

Comentarios