O PSdeG rexistra no Parlamento unha petición formal á Xunta dos contratos con Eulen e Universal Support

A portavoz de Calidade Democrática e Transparencia do PSdeG, Patricia Igrexas, destacou a importancia de "lanzar luz" sobre estes contratos.
Patricia Igrexas, á dereita, no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Patricia Igrexas, á dereita, no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

O PSdeG rexistrou no Parlamento da Galiza unha solicitude formal para obter a documentación relativa aos contratos "menores, ordinarios e urxentes" adxudicados polo Goberno galego ás empresas Eulen e Universal Support entre os anos 2018 e 2024.

Segundo explicou a formación socialista nunha nota de prensa, a petición foi realizada pola portavoz de Calidade Democrática e Transparencia do PSdeG, Patricia Igrexas, quen destacou a importancia de "lanzar luz" sobre estes contratos.

Non en balde, tanto no ámbito galego como no estatal, a formación socialista leva días poñendo o foco nos contratos da Administración galega con Eulen, da que é directiva a irmá do líder do PP e ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, entre outras adxudicacións que ven obxecto de dúbida.

Neste sentido, o PSdeG mostrou a súa preocupación sobre os posíbeis "conflitos de intereses", así como os "favoritismos" nestas adxudicacións realizadas polo Partido Popular nos últimos anos. "Queremos esclarecer se o Partido Popular favoreceu estas empresas que teñen vínculos cos seus dirixentes na adxudicación de contratos millonarios", reclamou Igrexas.

Así mesmo, entre as solicitudes que rexistraron está a petición das copias completas dos expedientes de contratación, que van desde a formalización dos contratos até as posibles modificacións, prórrogas e penalidades impostas.

"É fundamental que o Goberno entregue esta información de maneira inmediata porque os galegos e as galegas teñen dereito a saber se estes acordos se realizaron de forma transparente en beneficio do interese público", subliñou a voceira socialista.

Demandan "máxima celeridade"

Desta maneira, o PSdeG instou á Xunta a entregar toda a documentación solicitada coa "máxima celeridade", para despexar calquera tipo de dúbida sobre a "legalidade e transparencia" destas adxudicacións. Así, Igrexas esgrimiu que non se pode permitir que "se siga ocultando información clave sobre a xestión de recursos públicos", polo que exixen "claridade e rendición de contas xa".

Con todo, a formación socialista lembrou que o seu partido solicitou previamente a creación dunha comisión de investigación para esclarecer estes contratos adxudicados pola Xunta a "empresas vinculadas con familiares e amigos dos seus dirixentes".

Comentarios