A calor incrementa os contaxios de EHE e a alerta esténdese no sector gandeiro: a Fruga demanda "medidas urxentes" á Xunta

A enfermidade da enfermidade hemorráxica epizoótico xa se estende por un total de 15 comarcas veterinarias a nivel galego.
Vacas mortas polos efectos da enfermidade hemorráxica epizoótica nunha explotación do municipio de Xermade (A Terra Chá). [Foto: Carlos Castro / Europa Press]
photo_camera Vacas mortas polos efectos da enfermidade hemorráxica epizoótica nunha explotación do municipio de Xermade (A Terra Chá). [Foto: Carlos Castro / Europa Press]

A aparición da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) nos últimos meses está xerando unha importante alarma entre as explotacións gandeiras galegas. Esta alerta viuse ampliada co estalido dos casos detectados a partir dos gromos aparecidos nas últimas semanas, que fixeron elevar o número de explotacións e animais afectados confirmados en laboratorios até un total de 195 e 381 respectivamente.

Estes son os números achegados esta cuarta feira pola Consellaría de Medio Rural ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que reflicten novos gromos en cinco comarcas veterinarias (sendo xa o total das afectadas 15). No importante aumento das granxas e os animais afectados nos últimos sete días influíu un contexto de altas temperaturas.

As perdas que sofren os gandeiros e as gandeiras da Galiza por mor do estalido desta enfermidade son múltiples, e van desde a propia morte de animais até os importantes gastos no tratamento das reses afectadas, así como a perda de produción nas granxas que sofren esta doenza. 

Esta enfermidade é transmitida por un mosquito que, como consecuencia do cambio climático, ten unha maior presenza na Galiza e adoita activarse en períodos de verán, cando se produce un aumento das temperaturas. Neste sentido, alén da morte de parte das cabezas de gando afectadas, calcúlase que cada animal que logra salvarse ten uns custos de 400 euros como consecuencia dos tratamentos a aplicar e da posterior perda produtiva.

Medidas contra a doenza

A Federación Rural Galega (Fruga) demandou esta cuarta feita que a Xunta da Galiza habilite "unha dotación orzamentaria suficiente destinada a indemnizar as explotacións vítimas desta doenza, tanto no que respecta á morte do animal, tendo en conta o valor real de mercado para a súa reposición, como aos gastos que supoñen os tratamentos a aplicar e os servizos veterinarios".

Ademais, o sindicato agrario tamén solicitou ao Goberno galego que poña en marcha "un sistema de indemnización por lucro cesante para que as gandarías afectadas por esta enfermidade poidan seguir adiante ante posíbeis perdas de produción" e un "proceso de vacinación voluntaria contra a EHE, totalmente gratuíto e que axude a paliar os efectos desta doenza".

Por outra parte, a organización solicita que se proceda "de forma inmediata" ao pagamento das indemnizacións que aínda están sen aboar correspondentes ao ano 2023. Alén diso, a Fruga tamén demanda á Xunta "traballar de cara ao futuro a través da realización dun estudo que permita planificar as vindeiras campañas perante os efectos nocivos desta enfermidade".

"Todas estas medidas deben ser postas en marcha de forma urxente por parte da Consellaría, sen prexuízo dos apoios que poidan vir de outras Administración", engadiu a Fruga. "É evidente que ante unha situación de alarma sanitaria debemos actuar de forma rápida e eficaz co fin de paliar as perdas sufridas polas explotacións", salientou. "As gandarías en extensivo, na medida en que son as máis afectadas e claves para a pervivencia dun medio rural vivo, merecen medidas urxentes ante situacións de emerxencia como a que estamos a vivir", concluíu.

Agricultura aproba un paquete de axudas ás explotacións de gando

O Ministerio español de Agricultura, Pesca e Alimentación aprobou esta semana as bases reguladoras dunha liña de axudas para as explotacións de gando afectadas por casos da enfermidade hemorráxica epizoótico (EHE), que se poderán cobrar a partir do mes de setembro.

Pola súa parte, a Xunta da Galiza reuniuse en Ourense cunha representación do sector gandeiro e de profesionais da Veterinaria. Con todo, o Goberno galego non anunciou novas medidas, tal e como require o sector, senón que se remitiu ás compensacións por animais mortos xa existentes, consideradas insuficientes polas principais organizacións agrarias da Galiza.

Maceda, A Limia, Ourense, Terra de Celanova, Baixa Limia, Verín, A Gudiña, Terra de Trives, Terra de Caldelas, Viana, Ancares, Sarria, Terra de Lemos, Lugo e A Fonsagrada son as comarcas veterinarias afectadas pola EHE até agora.​ 

Comentarios