O incendio na Madeira alcanza as 5.000 hectáreas e entra na laurisilva, considerada Patrimonio Mundial

5.000 ha queimadas en pouco máis dunha semana.
O incendio da Madeira o 17 de agosto captado por un satélite. (Foto: Nasa Earth / ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press)
photo_camera O incendio da Madeira o 17 de agosto captado por un satélite. (Foto: Nasa Earth / ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press)

O incendio que se desatou na illa portuguesa da Madeira o 14 de agosto no municipio da Ribeira Brava, e que se estendeu á Câmara de Lobos, Ponta do Sol e Santana, mantén dúas frontes activas, a máis preocupante, detallou a quinta feira á axencia Lusa o presidente do Serviço Regional de Proteção Civil, António Nunes, a que avanza nas proximidades do Pico Ruivo, a montaña máis alta da illa con case 1.900 metros de altitude.

Neste caso, as lapas están a descender pola cordilleira central, en dirección a unha central hidroeléctrica e xa queimando áreas de laurisilva -bosque húmido subtropical- nas que o lume “está a progresar de forma máis lenta” mais nunha zona na que é imposíbel a acción dos equipos de extinción pola orografía abrupta. A laurisilva da Madeira está inscrita na lista de Patrimonio Mundial da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco).

Na segunda fronte, a de Ponta do Sol, no oeste da illa, o lume avanza “co vento”, debullou Nunes. Os datos do Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais indican que arredor de 5.000 hectáreas foron queimadas nun lume do que a Polícia Judiciária está a investigar a orixe e que o presidente rexional, Miguel Albuquerque, considerou provocado. Até 200 persoas tiveron que ser evacuadas por precaución, moitas das que xa regresaron aos seus fogares.

A quinta chegaron a Porto Santo, no arquipélago madeirense, dous avións anti incendios que o Executivo luso demandou á Unión Europea (UE) para combater o lume, e que se prevían utilizar principalmente na cordilleira central nun dispositivo que inclúe un helicóptero e 125 efectivos de bombeiros e Proteção Civil. Ao respecto, o Executivo do bloque comunitario sinalou que está dispoñíbel para mobilizar recursos adicionais.

Un ex responsábel de Proteção Civil criticou no Diário de Notícias que Albuquerque manteña “que está a ir todo ben, pois só amosa que está completamente fóra da realidade”.

Asemade, o Sindicato dos Jornalistas portugués denunciou “presións e restricións ao acceso á información durante a cobertura dos incendios” que inclúen “os responsábeis de medios” que “son presionados para desmentir noticias que logo se confirman como certas”.

Lume en Lisboa

Ademais, declarouse a quinta feira un incendio no distrito de Lisboa, concretamente no concello da Azambuja, que desencadeou a despregadura dun operativo de case 150 persoas e tres medios aéreos.

Comentarios