Catalunya

O informe dos Mossos d'Esquadra recoñece "erros no dispositivo" para deter Carles Puigdemont

O xuíz Pablo Llarena pedira previamente aos Mossos d'Esquadra e ao Ministerio español do Interior que informasen sobre os detalles do dispositivo policial despregado polos Mossos d'Esquadra en Barcelona o 8 de agosto.
O comisario xefe dos Mossos d'Esquadra, Eduard Sallent. (Foto: Lorena Sopena / Europa Press)
photo_camera O comisario xefe dos Mossos d'Esquadra, Eduard Sallent. (Foto: Lorena Sopena / Europa Press)

O informe que os Mossos d'Esquadra entregaron ao instrutor do caso do 'procés', o maxistrado do Tribunal Supremo Pablo Llarena, recoñece "erros no dispositivo" para deter o ex president da Generalitat de Catalunya Carles Puigdemont e fai autocrítica a respecto da súa actuación.

O xuíz Pablo Llarena pedira previamente aos Mossos d'Esquadra e ao Ministerio español do Interior que informasen sobre os detalles do dispositivo policial despregado polos Mossos d'Esquadra en Barcelona o 8 de agosto.

O dispositivo tiña como obxectivo cumprir coa orde de detención de Puigdemont, sobre o que pesa unha orde de detención do Tribunal Supremo, e "sobre os elementos que determinaron o seu fracaso desde un aspecto técnico policial".

No seu informe, Interior comunicou a Llarena que nos dispositivos de control estabelecidos pola Policía Nacional e a Garda Civil na fronteira con Francia "non se detectou en momento algún" o ex president catalán Carles Puigdemont e que, a pesar de que ofreceron aos mossos o apoio destes corpos para dar con Puigdemont tras a súa fuxida non se requiriron estes apoios.

Denuncia contra Llarena

O avogado Gonzalo Boye presentou a nome do ex presidente catalán, Carles Puigdemont, e o eurodeputado Antoni Comín, ambos os dous de Junts, unha demanda no Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) contra Pablo Llarena, instrutor no Tribunal Supremo da causa polo proceso de autodeterminación catalán, pola “desatención e o atraso inxustificado e reiterado na tramitación e resolución dos [seus] recursos” á decisión do maxistrado de non implementarlles a Lei de amnistía, segundo transcendeu a segunda feira.

Boye reitera que en dúas ocasións advertiu o xuíz pola súa tentativa de dilatar o proceso, e subliña que está a incorrer nunha infracción disciplinaria da Lei Orgánica do Poder Xudicial logo de non resolver o caso nos dous meses que fixaba a lexislación da medida de graza desde a súa entrada en vigor, prazo que expirou o 11 de agosto.

O letrado detallou que, após unha primeira queixa, Llarena comezou a finais de xullo o proceso relativo aos recursos, interrompido cando marchou de vacacións. O 7 de agosto, Llarena suspendeu as vacacións “co anhelo notorio de supervisar a captura de Puigdemont”, reactivándoas unha vez fracasada a operación para a súa detención e sen decidir sobre os recursos.

Comentarios